Pestanas principais

Un total de 48 familias de Ames beneficiaranse das axudas municipais para familias numerosas de 2025

Domingo, 21 de decembro de 2025

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar este pasado 18 de decembro a concesión de axudas para as familias numerosas do Concello de Ames. Deste xeito, aprobouse a concesión de 57.600 euros entre 48 familias. A axuda consiste nun pagamento único de 1.200 euros por unidade de convivencia. Á subvención puideron optar as familias numerosas que teñen a súa residencia habitual en Ames ou de maneira ininterrompida desde hai polo menos un ano. Con esta iniciativa, o goberno municipal pretende axudar a aquelas familias que máis dificultades económicas teñan para a crianza das súas fillas e fillos.

Con esta liña de axudas, a Concellería de Benestar Social busca non só apoiar a este tipo de familias, senón tamén fixar poboación no municipio para potenciar un crecemento demográfico sostido ao longo do tempo. O obxectivo destas axudas é proporcionarlles apoio económico a aquelas familias cualificadas como numerosas pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, ou organismos análogos doutras comunidades autónomas.

A concelleira de Benestar Social, Uxía García, indica que “esta liña de axudas está destinada ao apoio económico das unidades familiares numerosas de Ames, á fixación de poboación e á continuidade do crecemento demográfico do concello”. Ademais, destaca que “con esta iniciativa preténdese axudar a aquelas familias que máis dificultades económicas teñen para a crianza das súas fillas e fillos”.  

Os beneficiarios/as destas axudas son aquelas familias numerosas que teñan a súa residencia habitual no municipio de Ames e cumpran cos requisitos de renda e patrimonio establecidos nas bases da convocatoria. Con este tipo de iniciativas, o Concello de Ames, pretende axudar ás familias que teñen máis dificultades para a crianza dos seus fillos. A pesar de que este tipo de axudas non son exclusivas, singulariza a Ames entre os municipios da área.

Nesta liña, a Xunta de Goberno Local acaba de aprobar a concesión destas axudas económicas tramitadas no ano 2025, que consisten no pagamento único de 1.200 euros por unidade de convivencia. Neste caso, concédese o reparto de 57.600 euros entre 48 unidades familiares.

Un total de 48 familias de Ames beneficiaranse das axudas municipais para familias numerosas de 2025