[26-08-2012] A praia fluvial de Tapia acolleu este domingo 26 de agosto a XXVII edición do descenso do Tambre. Uns 450 deportistas, pertencentes a 16 clubs de toda Galicia, xuntáronse na tradicional baixada do Tambre. Un total de 62 padexeiros participaron no descenso dende Portomouro ata a praia fluvial de Tapia, mentres que 388 nenos e nenas participaron no circuíto que se instalou na praia fluvial de Tapia. O club amiense Ribeiras do Tambre logrou dous primeiros postos e dous terceiros no descenso do Tambre. Alberto Viaño conseguiu unha meritoria terceira posición na categoría K-1 sénior. Na categoría K-1 cadete feminina, Irene Mirás quedou na primeira posición, e Andrea Tome acadou a terceira posición. Elisa Ricoy logrou a primeira posición na categoría xuvenil feminina K-1.

O bo tempo deste domingo fixo que a xente acudise en masa á praia fluvial de Tapia para gozar do piragüismo e ver aos mellores padexeiros de Galicia que se deron cita na XXVII edición do descenso do Tambre. Así a participación nesta proba foi maior do que se agardaba. Un total de 450 padexeiros, pertencentes a un total de 16 clubs de toda Galicia, competiron por alzarse cos premios nas distintas categorías. A baixada do Tambre, organizada polo Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre xunto co Concello de Ames é xa toda unha referencia para o piragüismo galego.
Na baixada desde a ponte de Portomouro ata a Praia Fluvial de Tapia participaron padexeiros das categorías cadete, xuvenil, sénior e veterano. Dentro destas categorías competiron un total de 62 padexeiros que tiveron que percorre 6 quilómetros de distancia. Tampouco faltou o circuíto da praia fluvial, reservado ás categorías infantil, alevín e benxamín que percorreron 1.500 metros. Nas categorías de nenos/as participaron un total de 388 padexeiros.


Na categoría sénior masculina, os gañadores foron Jonathan Monteagudo do club As Xubias, na categoría K-1, e David Maquieira do club O Muíño, na categoría C-1. Estes padexeiros repetiron vitoria xa que na edición de 2011 tamén lograron o primeiro posto nestas categorías. Alberto Viaño, do club Ribeiras do Tambre, logrou unha meritoria terceira posición na categoría K-1 sénior. Na categoría masculina de veteranos gañou José Manuel Ferreira, do club piragüismo Narón, e María del Carmen Bueno, do club Muros-Noia, en K-1 feminino. Ao igual que no caso anterior esta padexeira tamén repetiu vitoria.
Por outra banda, na categoría xuvenil masculina K-1 impúxose Ramón Gondar, do club náutico O Muíño, mentres que na categoría xuvenil feminina K-1 o primeiro posto foi para Elisa Ricoy, do club Ribeiras do Tambre. Na categoría xuvenil masculina C-1 gañou José Ramón González, do Club piragüismo Rianxo.
Na categoría cadete, na modalidade masculina C-1 gañou Lorenzo Rodríguez, Club piragüismo Rianxo, e na modalidade K-1 impúxose Borja Bejo, do Club náutico O Muíño. Mentres que na modalidade K-1 cadete pero categoría feminina gañou Irene Mirás, do club Ribeiras do Tambre. Nesta mesma categoría Andrea Tome, tamén do club amiense Ribeiras do Tambre, acadou a terceira posición.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Xuventude, María González, e a concelleira de Medio Ambiente, Eugenia Martín, foron os encargados de facer entrega dos trofeos. Para os tres gañadores absolutos do descenso do Tambre (kayak masculino, canoista e kayak feminino) houbo un lote de material deportivo como agasallo.




Contido relacionado

La Voz de Galicia: "El descenso del Tambre reúne a más de 450 participantes"
El Correo Gallego: "Entrega de trofeos no descenso do Tambre"
La Voz de Galicia: "Multitudinario Descenso del Tambre"




