[25-08-2013] A praia fluvial de Tapia acolleu este domingo, 25 de agosto, a XXVIII edición do descenso do Tambre. Uns 431 deportistas, pertencentes a 15 clubs de toda Galicia, xuntáronse na tradicional baixada do Tambre. Alfonso Oreiro, do club Náutico O Muíño de Ribadumia, logrou o primeiro posto na categoría sénior K-1 masculina, mentres que na categoría sénior K-1 feminina o primeiro posto foi para Paula Pérez, do club piragüismo Cambados. Na categoría C-1 sénior masculina gañou David Maquieira, do club Náutico O Muíño de Ribadumia. Este proba está organizada polo Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre en colaboración co Concello de Ames.
Un ano máis o río Tambre volveu a encherse de piraguas e canoas. Foron moitos os veciños de Ames que se achegaron ata a área recreativa de Tapia para gozar do piragüismo e ver aos mellores padexeiros e padexeiras de Galicia, que se deron cita na XXVIII edición do descenso do Tambre. Un total de 431 padexeiros/as, pertencentes a 15 clubs de toda Galicia, competiron por alzarse cos premios nas distintas categorías. A baixada do Tambre, organizada polo Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre xunto co Concello de Ames é xa toda unha referencia para o piragüismo galego.
Na baixada desde a ponte de Portomouro ata a Praia Fluvial de Tapia participaron padexeiros das categorías cadete, júnior, sénior e veterano. Dentro destas categorías competiron un total de 96 padexeiros e padexeiras que tiveron que percorre 6 quilómetros de distancia. Tampouco faltou o circuíto da praia fluvial, reservado ás categorías infantil, alevín e benxamín que percorreron 1.500 metros. Nas categorías de nenos/as participaron un total de 335 padexeiros/as.

Categoría sénior
Na categoría sénior K-1 masculina o gañador foi Alfonso Oreiro, do club Náutico O Muíño de Ribadumia. Na segunda posición quedou Jonathan Monteagudo, do club As Xubias,e o terceiro en chegar a liña de meta foi Daniel García, do club marítimo de Tambo. O amiense Alberto Viaño, do club Ribeiras do Tambre, logrou unha meritoria cuarta posición. Nesta mesma categoría, pero na modalidade feminina, o primeiro posto foi para Paula Pérez, do club piragüismo Cambados. O segundo posto foi para María del Palacio, do club kayak Vigo, e terceira quedou Malena López, do club Liceo Casino Vilagarcía.
Por outra banda, na categoría C-1 sénior masculina gañou David Maquieira, do club Náutico O Muíño de Ribadumia. A segunda posición foi para Roi Baulde, do club As Torres Romería Vikinga, e na terceira posición quedou Santiago González, do club kayak Vigo.
Categoría júnior
Na categoría júnior K-1 masculina gañou Pablo Torres do club marítimo de Tambo. A segunda posición foi para Antonio Malaquias, tamén do club marítimo de Tambo, e terceiro quedou Alexandre Iglesias do club náutico de Pontecesures. Nesta mesma categoría, pero na modalidade feminina, a campioa foi Isabel Piñeiro, do club As Torres Romería Vikinga. O segundo posto foi para Noemi Fortunato, do club piragüismo Cambados, e na terceira posición quedou a padexeira amiense, Andrea Tomé, do club Riberiras do Tambre.
Por outro lado, na categoría júnior C-1 masculina o campión foi Roi Carballeda, do club As Torres Romería Vikinga. A segunda posición foi para Iván Ferro, do club náutico Pontecesures, e terceiro quedou Abraham García, do club náutico O Muíño de Ribadumia.
Na categoría K-1 masculina de veteranos gañou Adolfo Monteaguado do club As Xubias. A segunda posición do podio foi para Humberto Fernández, do club Ría Muros e Noia, e no terceiro posto quedou Jorge Dieguez, do club náutico de Pontecesures.
Categoría cadete
Na categoría cadete, na modalidade masculina K-1 impúxose Borja de la Fuente, do club náutico O Muíño de Ribadumia. Na segunda posición quedou Miguel Ángel Pérez, do club de piragüismo Cambados, e a terceira posición do podio foi para Jesús Álvarez do club Río Verdugo. Mentres que na modalidade K-1 cadete, pero categoría feminina, gañou a amiense, Irene Mirás, do club local Ribeiras do Tambre. Na segunda posición quedou Raquel Dacosta, do club náutico de Pontecesures, e a terceira posición foi para María Suárez, do club Ría Muros e Noia.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, e o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, foron os encargados de facer entrega dos trofeos. Para os tres gañadores absolutos do descenso do Tambre (kayak masculino, canoista e kayak feminino) houbo un lote de material deportivo como agasallo. Ao final da entrega de premios o club de piragüismo Ribeiras do Tambre entregoulle un pin conmemorativo ao alcalde de Ames, a concelleira de Deportes e ao presidente da Federación Galega de Piragüismo.






Contido relacionado

La Voz de Galicia: "El Descenso do Tambre reunió a 431 palistas, 335 de categorías infantiles"




