[27-06-2016] Este luns, 27 de xuño, botou a andar o programa dos campamentos municipais de verán, que oferta o Concello de Ames, a través das concellaría de Mocidade e Medio Ambiente, para que os nenos e nenas amesáns pasen un verán entretido. Esta mañá, un grupo de 20 nenos e nenas de 4 a 5 anos marcharon cara a Granxa Escola Fervenzas do Toxa. Este rapaces e rapazas pasarán dous días e unha noite neste campamento. En total, nesta edición, 420 nenos e nenas participan neste programa municipal que se desenvolve durante a última semana deste mes de xuño, o mes de xullo e comezos de setembro.
O alcalde de Ames, José Miñones, destacou que “este ano o programa municipal de campamentos tivo unha excelente acollida entre a veciñanza amesá xa que máis de 400 rapaces e rapazas pasarán uns días de ocio nos lugares que escolleron. Unha boa mostra do éxito dos campamentos municipais é que houbo que incrementar as prazas para poder dar cabida a todas as solicitudes de preinscrición realizadas e efectuar varios cambios nos campamentos ofertados para adaptar as prazas ás necesidades dos participantes”.
O rexedor municipal tamén indicou que nesta edición se introduciron varias novidades. “A primeira foi que se ampliou o alumnado ao que se dirixe este programa. Así, os rapaces e rapazas que cursaron este ano estudos de bacharelato tamén poden participar nas actividades ofertadas. Ademais, ampliouse a oferta de campamentos con novas actividades para o mes de setembro”.
Este ano 420 rapaces e rapazas participan nos campamentos ofertados polo Concello de Ames. Esta mañá, un grupo de 20 nenos e nenas de 4 a 5 anos marcharon cara a Granxa Escola Fervenzas do Toxa. Deste xeito, cubríronse máis do 50% das prazas ofertadas. Esta será a primeira experiencia nun campamento destes rapaces e rapazas que pasarán dous días e unha noite neste campamento.
Este martes, 28 de xuño, sairá o segundo grupo de nenos e nenas. Nesta caso, 28 rapaces e rapazas de sexto de educación infantil, tamén irán á Granxa Escola Fervenzas do Toxa para pasar neste lugar tres días e dúas noites. Nos campamentos de Barreiros I e II, que está dirixido ao alumnado de primeiro e segundo de primaria, das 100 prazas dispoñibles ocupáronse un total de 70. No campamento de Galipark Multiaventura houbo 98 inscritos/as de 100 prazas ofertadas.
Por outra banda, no campamento do parque natural do Xurés houbo que incrementar as prazas ofertadas inicialmente, xa que non eran suficientes para dar cabida a todos os participantes empadroados preinscritos, que teñen prioridade nas bases dos campamentos. Inicialmente había 50 prazas, pero aumentáronse 5 máis chegando ás 55 para dar cabida a toda a demanda. Este campamento está dirixido ao alumnado que realizou este ano estudos de quinto e sexto de primaria.
No campamento xuvenil das Fragas do Eume inscribíronse 24 persoas, mentres que no campamento de aventuras DiverLanhoso apuntáronse 35 rapaces e rapazas. Neste caso tamén houbo que incrementar as prazas, xa que inicialmente ofertábanse 30. Ademais, este ano o campamento urbano que se desenvolve nas instalacións da Aula da Natureza durante o mes de xullo contará con 28 rapaces e rapazas.
Campamentos no mes de setembro
No campamento da granxa escola Kirico participarán 62 persoas. Inicialmente había 60 prazas, pero neste campamento xuntouse á metade dos preinscritos no campamento do Grove (de 1º e 2º de ESO) cos preinscritos neste campamento (de 1º a 6º de primaria), para facer un único campamento integrado en setembro.
Este ano, respecto a edicións anteriores, o Concello de Ames ampliou o número de prazas nalgúns campamentos municipais de verán, para poder dar cabida a todas as solicitudes de preinscrición, e efectuar os cambios xa mencionados para adaptar as prazas ás necesidades dos participantes (ampliar os campamentos do Xurés e DiverLanhoso, agrupar os campamentos do Grove e Kirico, etc.).
Para ampliar calquera outra información sobre os campamentos dirixidos ao alumnado de infantil e primaria, así como do campamento urbano poden chamar ao número 660 004 665 ou enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Para solicitar información sobre os campamentos dirixidos ao alumnado de secundaria e bacharelato deben chamar ao número 616 083 229 ou enviar un correo electrónico ao enderezo omix@concellodeames.gal
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Campamentos para más de 400 jóvenes amienses hasta el mes de septiembre"
La Voz de Galicia: "Los campamentos municipales de Ames acogen este verano a más de cuatrocientos niños"




