[23-07-2013] A aula de informática do Milladoiro continúa en xullo coa súa programación de cursos. Durante este mes organizáronse dous obradoiros de mecanografía que están dirixidos aos nenos e nenas de 8 a 12 anos. Ademais, no mes de xuño impartíronse outros dous cursos de mecanografía para nenos/as. Inicialmente estaba previsto facer un curso en xuño e outro en xullo, pero ante a gran demanda que houbo para participar nestas actividades organizáronse dous cursos máis. En total, nestes catro obradoiros participaron 40 rapaces e rapazas divididos en catro grupos de 10 nenos/as cada un. A pasada semana, entre o 15 e o 19 de xullo, impartiuse o último curso de mecanografía.
Contido do curso
Nestes cursos emprégase un programa informático de mecanografía que está composto de 17 leccións. A través destas leccións os rapaces e rapazas aprenden a adoptar unha posición correcta dos dedos no teclado. Ademais, faise fincapé na importancia de ter unha boa postura corporal. Colocar as costas rectas, os brazos pegados ao corpo e os cóbados en ángulo recto. Os dedos deben estar relaxados e as pulsacións deben ser suaves e precisas.
Recoméndase non mirar o teclado e non preocuparse ao principio da velocidade da escritura, intentar concentrarse para saber sempre a tecla e o dedo que se está empregando para non cometer erros e dedicar un tempo diario á realización dos exercicios. Aínda que nunha semana os nenos/as non aprenden a mecanografar correctamente, adquiren uns hábitos que lles serven, se seguen practicando, para mecanografar correctamente no futuro. Unha vez completadas todas as unidades do curso os nenos/as intentan transcribir un texto empregando un procesador de textos.
Servizo de Aula Aberta
Durante os meses de verán (xullo e agosto) o servizo de aula aberta ofrécese en horario de 10:00 h a 13:00 horas, agás as dúas semanas que se imparten os cursos de mecanografía que será de 10:00 h a 12:00 horas. Para poder empregar o servizo de Aula Aberta só hai que cubrir unha ficha cos datos persoais e entregar unha fotografía coa que facer o seu carné de usuario/a. A persoa encargada da aula dálles un número de usuario/a e explícalles as normas.
Deste xeito, os usuarios/as poden empregar os ordenadores da aula para o que precisen, como consultar o correo electrónico, ler o xornal, xogar ou procurar información. Ante calquera dúbida poden preguntar o que desexen á persoa responsable. Tamén poden acudir usuarios/as cos seus ordenadores portátiles persoais a resolver as dúbidas que teñan no manexo da informática.
Os cursos da Aula de informática do Milladoiro seguen espertando unha gran demanda entre a veciñanza amiense. Durante os meses de xuño e xullo estaba previsto realizar un curso de mecanografía cada mes, pero ante a gran demanda que houbo para participar nestes obradoiros decidiuse incrementar a oferta nesta actividade. Deste xeito, durante o mes de xuño impartíronse dous cursos de mecanografía. O primeiro curso impartiuse entre os días 10 e 14, mentres que o segundo realizouse do 17 ao 21 de xullo. Os dous cursos impartíronse en horario de 16:15 h a 17:15 horas. Nestes obradoiros participaron 20 nenos/as, 10 en cada curso.
Por outra banda, neste mes de xullo organizáronse outros dous cursos de mecanografía. Neste caso o primeiro realizouse entre o 8 e o 12, mentres que o segundo impartiuse do 15 ao 19 de xullo. Os dous cursos realizáronse en horario de 12:00 h a 13:00 horas, aproveitando as vacacións de verán. Estes cursos tiveron unha duración de cinco horas e contan con 10 usuarios/as cada un. En total, nestes catro obradoiros participaron 40 rapaces e rapazas divididos en catro grupos de 10 nenos/as cada un.