Pestanas principais

Un total de 374 nenos e nenas participarán nas actividades da Escola de Verán

Sábado, 29 de xuño de 2013

[29-06-2013] O Concello de Ames pon en marcha un ano máis a Escola de Verán, un xeito lúdico e educativo de pasar as vacacións que comeza o vindeiro luns, 1 de xullo. Este servizo permite a conciliación da vida familiar e laboral e está destinado a nenos e nenas de segundo ciclo de infantil e educación primaria. Esta edición desenvolverase durante os meses de xullo e agosto en Bertamiráns e no Milladoiro, de luns a venres, excepto festivos, en horario de 7:30 a 16:00 horas. Os rapaces e rapazas asisten por quincenas (1ª quincena de xullo, 2ª quincena de xullo, 1ª quincena de agosto e 2ª quincena de agosto), un mes (xullo ou agosto) ou os dous meses (xullo e agosto). En Bertamiráns participan 170 nenos e nenas e no Milladoiro acoden a este servizo uns 204 rapaces e rapazas.

Este ano, como novidade a execución do programa de conciliación corresponde á empresa Coesco S.L, gañadora do concurso público. As actividades que se desenvolven xiran ao redor dunha temática única, tanto para os nenos e nenas de Bertamiráns coma para os do Milladoiro, que será 'O arco da vella' e que ten como obxectivo invitar aos nenos e nenas a viaxar con imaxinación e creatividade.

O programa de Escola de Verán estará dividido en catro grandes bloques que se corresponden coas quincenas. Deste xeito, durante unha quincena abordarase o tema titulado 'Construción do arco da vella', mentres que noutra realizarán actividades en torno á temática 'Por o arco da vella imos ao mundo celta'. As outras dúas temáticas serán: 'Por o arco da vella imos ao futuro' e 'Por o arco da vella voltamos ao presente'. Os obradoiros e actividades polo tanto xirarán en torno á temática central escollida.

Para levar a cabo estas actividades, a empresa vai contar cos monitores que habitualmente atenden aos nenos e nenas durante o curso escolar, polo que contan cunha experiencia e coñecemento do traballo nos servizos complementarios amienses. Ademais, aportaranse técnicos a maiores para axudar no desenvolvemento das actividades específicas. Deste xeito, contarase cun licenciado en Belas Artes, cun técnico audiovisual especializado en fotografía, vídeo e teatro, e cun director técnico de campamentos con ampla experiencia.

En Bertamiráns están inscritos 170 nenos e nenas. As actividades nesta localidade desenvolveranse no CEIP A Maía, onde tamén se ofrecen os servizos de almorzo e xantar. Mentres, no Milladoiro participan 204 nenos e nenas, que estarán na EEI do Milladoiro e no pavillón polideportivo. O catering correrá a cargo da empresa Culinaria, que pertence ao grupo empresarial Coesco.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Casi 400 niños de Ames participarán en la Escola de Verán"