[15-06-2012] Esta iniciativa, denominada Tardes ao Natural, tivo moi boa acollida entre a veciñanza amiense xa que se completaron practicamente todas as prazas ofertadas para o campamento urbano de verán que se desenvolverá durante as tardes do mes de xullo na Aula da Natureza. Esta actividade está dirixida aos rapaces e rapazas de entre 6 e 14 anos. Dende este venres, 15 de xuño, pola mañá xa están expostas as listas provisionais de admitidos no campamento urbano. Todos os rapaces e rapazas están admitidos neste campamento e non haberá que realizar sorteo. As listas pódense consultar nos taboleiros oficiais da Casa do Concello, en Bertamiráns, e nas Oficinas Xerais do Milladoiro. Entre o 25 de xuño e o 5 de xullo haberá que formalizar a matrícula para participar nesta actividade.
A Concellaría de Medio Ambiente deseñou un campamento pensado para as tardes de parte do mes de xullo. Trátase dunha iniciativa pioneira no municipio, que se levará a cabo entre os días 9 e 20 de xullo e na que poden participar rapaces de entre 6 e 14 anos. O Concello pon en marcha este campamento, chamado Tardes ao Natural, pensando nas demandas dos veciños e veciñas amienses, que veñen solicitando a posibilidade de que se fixesen actividades para os máis novos nas tardes do verán. O campamento desenvolverase na Aula da Natureza, en horario de 16.30 a 20.00 horas.
Rematado o prazo de preinscrición, a partir deste venres, 15 de xuño, pódense consultar as listas provisionais de admitidos no campamento urbano. Todos os rapaces e rapazas están admitidos neste campamento e non haberá que realizar sorteo. As listas pódense consultar nos taboleiros oficiais da Casa do Concello, en Bertamiráns, e nas Oficinas Xerais do Milladoiro. As listas definitivas estarán expostas nos mesmos lugares o día 20 de xuño.
Entre o 25 de xuño e o 5 de xullo haberá que formalizar a matrícula para o campamento urbano de verán. O impreso de matrícula, que se pode descargar na sección de AVISOS da páxina web municipal, haberá que cumprimentalo e entregalo na oficina municipal do Milladoiro, en horario de 09:00 a 14:00 horas, ou no Rexistro Xeral do Concello, situado en Bertamiráns, no mesmo horario que no caso anterior, xunto co resto de documentación que figura nas bases.
Servizo de autobús
Para facilitar a asistencia dos rapaces e darlles maior comodidade aos pais e nais, o Concello habilitará un servizo de autobuses que trasladará os participantes ata a Aula da Natureza e que os levará de volta ao remataren as actividades.
Durante as xornadas do campamento urbano, os nenos e nenas poderán realizar multitude de actividades. Por exemplo, aprenderán a elaborar xabóns, papel reciclado, e técnicas de supervivencia na natureza. Iniciaranse na química, farán teares e aprenderán sobre herbas medicinais. Ademais, levarán a cabo actividades relacionadas coa elaboración de candeas, feltreado e maquetas. Adquirirán coñecementos sobre a fauna e flora do río, as cunchas, a astronomía, a horticultura... Para favorecer o contacto dos rapaces co aire libre, tamén se desenvolverán xogos populares, xincanas e grandes xogos. O campamento urbano rematará cunha festa para os e as participantes.
Para ampliar calquera outra información, as persoas interesadas poden empregar os correos electrónicos auladanatureza@concellodeames.org ou medioambiente@concellodeames.org ou os teléfonos 660 004 665 e 662 377 544.




