Pestanas principais

Un total de 353 nenos e nenas participan nas actividades da Escola de verán

Luns, 02 de xullo de 2012

[02-07-2012] O Concello de Ames puxo en marcha un ano máis a Escola de verán, un xeito lúdico e educativo de pasar as vacacións. Este servizo permite a conciliación da vida familiar e laboral e está destinado a nenos e nenas de segundo ciclo de infantil e educación primaria. Esta edición desenvolverase durante os meses de xullo e agosto en Bertamiráns e no Milladoiro, de luns a venres, excepto festivos, en horario de 7:30 a 16:00 horas. Os rapaces e rapazas asisten por quincenas (1ª quincena de xullo, 2ª quincena de xullo, 1ª quincena de agosto e 2ª quincena de agosto), un mes (xullo ou agosto) ou os dous meses (xullo e agosto). En Bertamiráns participan 163 nenos e nenas e no Milladoiro acoden a este servizo uns 190 rapaces e rapazas.

Un xeito diferente de pasar o verán. Ese é o obxectivo deste servizo que pretende ser unha alternativa para que os cativos pasen as súas vacacións dun xeito divertido e educativo. Ademais permítelles ás nais e aos pais conciliar a vida laboral e familiar. A Escola de verán está dirixida aos nenos e nenas que cursaron segundo ciclo de infantil e educación primaria. O servizo desenvólvese nos meses de xullo e agosto en Bertamiráns e no Milladoiro, de luns a venres, excepto festivos, en horario de 7:30 a 16:00 horas.

Trátase de facer unha oferta lúdico-educativa para que os 353 rapaces e rapazas que participan neste programa pasen un verán diferente cos seus compañeiros e na súa contorna á vez que aprenden conceptos fundamentais para a súa educación. As actividades que se desenvolven xiran ao redor dunha temática única, tanto para os nenos e nenas de Bertamiráns coma para os do Milladoiro, que será Unha viaxe a través da historia. As actividades abórdanse con material específico para as idades dos rapaces participantes e van acompañadas de exemplos gráficos, obradoiros e visitas didácticas que fan este programa moito máis atractivo.

En Bertamiráns están inscritos un total de 163 nenos e nenas de entre 3 a 11 anos. As actividades nesta localidade desenvolveranse no CEIP A Maía, onde tamén se ofrecen os servizos de almorzo e xantar. Mentres que no Milladoiro participan 190 nenos e nenas, que cursaron educación infantil e educación primaria. Nesta localidade as actividades desenvólvense en dous espazos diferentes. Na escola infantil do Milladoiro estarán os rapaces e rapazas de segundo ciclo de educación infantil e no pavillón estarán os nenos e nenas que cursaron educación primaria. O servizo de comedor ofrecerase na EEI Milladoiro.

Unha viaxe a través da historia

As actividades que se desenvolverán en Bertamiráns e no Milladoiro xirarán arredor da historia. Cada semana centraranse nun determinado tema, pero que sempre estará relacionado coa temática central: Unha viaxe a través da historia. Durante esta semana elixiuse como tema a prehistoria. Deste xeito, os nenos/as elaborarán un mural e construirán diferentes ferramentas que se empregaban na prehistoria. Para a próxima semana as actividades centraranse na Idade Antiga e o primeiro país co que se traballará será Exipto. Entre outras actividades, os rapaces e rapazas construirán unha pirámide.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Un total de 353 nenos e nenas participan nas actividades da Escola de verán"