Pestanas principais

Un total de 350 persoas asistiron no Milladoiro ao terceiro Encontro de Bolillos e Labores Artesanais

Domingo, 03 de xuño de 2012

[03-06-2012] O Pavillón de Deportes do Milladoiro acolleu durante toda a xornada de hoxe a terceira edición do Encontro de Bolillos e Labores Artesanais, que organiza a Asociación Cultural A Silva en colaboración co Concello de Ames. No encontro, que comezou ás 10,00 horas e rematou ás 19,00, un total de 350 persoas amantes deste tipo labores artesanais e tradicionais tiveron a oportunidade de intercambiar coñecementos e mostrar as súas creacións.


Ás 18,00 horas levouse a cabo a entrega de diplomas aos asistentes. Neste acto participaron o alcalde de Ames, Santiago Amor; a concelleira de Cultura, Eugenia Martín; o concelleiro de Comercio, Bernardo Moar; e o concelleiro de Obras, Alfredo Taboada.

Tras a entrega dos diplomas, o rexedor amiense felicitou á Asociación Cultural A Silva polo éxito colleitado nesta terceira edición, e animou ás participantes a seguir traballando e gozando desta arte tradicional.

O terceiro encontro de bolillos e labores artesanais reuniu a centos de persoas chegadas de diferentes partes de Galicia e que gozaron realizando labores artesanais de todo tipo. O obxectivo principal desta xuntanza foi, un ano máis, o intercambio de aprendizaxes e a transmisión e divulgación de temas relacionados co encaixe de palillos e todo tipo de labores artesanais.  

Ao final do encontro os/as participantes inscritos obtiveron un obsequio e puideron participar, ao longo do día, no sorteo de diversos agasallos. En definitiva, o terceiro encontro de palillos e labores artesanais foi unha boa oportunidade para aprender e mellorar as técnicas relacionadas coa agulla, desenvolver capacidades artísticas e culturais, xestionar o intercambio cultural con outras asociacións e sobre todo unha boa ocasión para salvagardar as tradicións e oficios tradicionais.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames consolida su muestra de artesanía con 350 participantes"