Pestanas principais

Un total de 319 persoas inscribíronse para participar na XIII Milla Urbana do Concello de Ames

Venres, 31 de maio de 2013

[31-05-2013] O prazo de inscrición aberto para participar na décimo terceira edición da Milla Urbana, que se celebra na localidade do Milladoiro, pechouse este xoves, 30 de maio, con 319 persoas inscritas e que teñen previsto participar este domingo nesta proba deportiva. Cómpre destacar que este ano a participación aumento en preto de 100 persoas respecto á edición do ano pasado. Un ano máis, o Concello de Ames organiza esta carreira na que as persoas participantes, tanto atletas profesionais como afeccionados percorren unha milla, algo máis de 1.600 metros, excepto para as categorías inferiores (prebenxamín, benxamín e alevín). Nesta ocasión, a cita terá lugar este domingo, 2 de xuño, a partir das 11:00 horas na Travesía do Porto, situada no Milladoiro.

A Milla Urbana é unha carreira que ano tras ano segue espertando o interese de atletas pertencentes a clubs profesionais e de todas aquelas persoas que gozan correndo por entretemento e diversión. Os e as participantes deben percorrer unha milla, é dicir, máis dun quilómetro e medio, por algunhas rúas do Milladoiro fixadas no circuíto que ten a saída e a chegada na área deportiva do Milladoiro. Esta carreira pódese celebrar grazas á colaboración da Deputación da Coruña, da Policía Local de Ames, Club Atletismo Sar, Club Atlético Bertamiráns, Club de Atletismo Milla Raio, Construcións e Promocións Blanco Barreiro, Coca Cola, Base Centro Deportivo e Super Cor.

Non existe límite de participación en canto á idade. Para iso establécense diferentes categorías segundo o ano de nacemento dos deportistas: prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil-júnior, promesa-sénior e cinco grupos de veteranos. As tres primeiras categorías deberán completar un circuíto cunha distancia axeitada á súa idade, polo tanto menos dunha milla. Tampouco hai esixencias especiais en canto á súa cualificación deportiva, dado que non é necesario ter licenza federativa nin tampouco pertencer a ningún club. O que si é necesario é estar inscrito para poder correr.

As probas contarán co control técnico da Federación Galega de Atletismo. O regulamento recolle algúns aspectos que cómpre destacar, como son o feito de que se poderán retirar os dorsais ata media hora antes do inicio da proba ou que os participantes deberán colocarse na zona de saída 10 minutos antes do comezo de cada proba. Ademais, tamén se establece que os tres primeiros clasificados en cada categoría levarán cadanseu trofeo. Neste sentido, os vencedores terán que acreditar a súa idade presentando o carné de identidade ou ben o pasaporte. A entrega de premios realizarase ao final de todas as probas. Para calquera dúbida poderase chamar ao teléfono 981884991 pertencente á Oficina de Cultura e Deportes.