Pestanas principais

Un total de 305 nenos e nenas comezan un novo curso nas escolas infantís de Ames

Mércores, 05 de setembro de 2012

[05-09-2012] Chega o mes de setembro e un ano máis comeza un novo curso nas escolas infantís para os nenos e nenas de 0 a 3 anos. Na actualidade o Concello de Ames conta con tres escolas infantís. Dúas delas, A Madalena e O Bosque, están xestionadas pola Administración local, mentres que a escola infantil As Figueiras está xestionada directamente pola Xunta de Galicia. Durante o curso 2012/2013 as escolas infantís de Ames atenderán a un total de 305 nenos e nenas. Na escola infantil municipal O Bosque, de Bertamiráns, están matriculados 115 nenos/as, mentres que a escola infantil municipal A Madalena, do Milladoiro, presta servizo a 96 rapaces e rapazas. Ademais, na escola infantil As Figueiras, situada no Milladoiro, están matriculados 94 nenos/as.

Berros, choros e algún que outro sorriso foi o que se puido escoitar estes días nas escolas infantís de Ames. Esta semana botou a andar un novo curso nas escolas infantís do concello de Ames. As escolas municipais do Bosque, en Bertamiráns, e A Madalena, no Milladoiro comezaron o novo curso este pasado luns, 3 de setembro, mentres que na escola infantil As Figueiras, do Milladoiro, fixérono este mércores 5 de setembro. As tres escolas infantís prestan servizo a un total de 305 nenos e nenas. Estes centros permanecen abertos todo o ano. O horario das escolas infantís O Bosque e As Figueiras vai dende as 7:30 h. ata as 20:00 horas. Mentres que a escola infantil A Madalena está aberta entre as 7:30 h. e as 20:15 horas.

A escola infantil municipal do Bosque é a máis antiga do concello. Para o curso 2012/13 neste centro están matriculados 115 nenos e nenas de 0 a 3 anos. O alumnado está repartido en dúas aulas de 0 a 1 anos nas que se atende a un total de 16 nenos/as; tres aulas de 1 a 2 anos nas hai 39 cativos/as e outras tres aulas de 2 a 3 anos nas que están repartidos 60 nenos/as. A ratio establecida para cada unidade é de 20 cativos para as aulas de 2 a 3 anos; 13 nenos/as para as aulas de 1 a 2 anos e 8 cativos para as aulas de 0 a 1 anos. Deste xeito, préstase servizo a un total de 115 nenos e nenas.

Por outra banda, a escola infantil municipal A Madalena do Milladoiro acolle a un total de 96 nenos e nenas. Igual que en Bertamiráns, o alumnado está distribuído en distintas aulas dependendo da súa idade. Deste xeito hai unha aula de 0 a 1 anos na que están matriculados 10 nenos/as; dúas aulas de 1 a 2 anos na que se presta servizo a 32 nenos/as e tres aulas de 2 a 3 anos na que hai un total de 54 nenos/as matriculados. En cada unha das unidades resérvanse varias prazas para casos de emerxencia social.

A estas dúas escolas municipais hai que sumarlle a escola infantil As Figueiras, que está xestionada directamente pola Xunta de Galicia. Neste centro hai 94 nenos e nenas matriculados. En total hai sete unidades. Dúas de 0 a 1 anos que albergan a 15 alumnos/as; dúas de 1 a 2 anos nas que están matriculados 27 nenos e nenas e tres aulas de 2 a 3 anos nas se atenden 52 rapaces e rapazas. En cada unha das unidades resérvanse prazas para casos de emerxencia social.

Construción dunha nova escola infantil en Bertamiráns

No mes de xaneiro deste ano, o pleno amiense aprobou por unanimidade o último trámite de cesión dunha parcela de 3.389 metros cadrados, que se atopa situada na contorna do Rego dos Pasos Sur (IV), para a construción dunha segunda escola de educación infantil en Bertamiráns.

Os traballos de urbanización na contorna denominada Rego dos Pasos Sur (IV), situada a carón do paseo fluvial de Bertamiráns, avanzan a bo ritmo. Nesta contorna, que conta con 66.263 metros cadrados edificables e na que a Xunta de Compensación comezou a traballar no mes de maio, está situada a parcela de 3.389 metros cadrados cedida polo Concello de Ames á Xunta de Galicia para a construción da nova escola infantil.

A parcela de 3.389 metros cadrados, situada ao lado da estrada, conta xa coa instalación dos servizos e canalizacións básicas e os operarios traballan na súa urbanización. De feito, xa están instaladas as canalizacións e as acometidas, e os pozos de depuración atópanse moi avanzados.

O Goberno amiense seleccionou esta parcela para a escola infantil por considerala como a máis adecuada, xa que a superficie reservada é superior á do anterior proxecto, e, ademais, trátase dunha zona moi céntrica.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Un total de 305 nenos e nenas comezan un novo curso nas escolas infantís de Ames"
La Voz de Galicia: "Más de 500 niños regresan a las aulas en Ames y Teo"