[15-07-2013] O Concello de Ames, a través da concellaría de Educación e Xuventude, puxo en marcha un curso intensivo de verán que ten o obxectivo de preparar ao alumnado para a obtención do graduado en Educación Secundaria Obrigatoria (ESO). Este curso estase impartindo en Bertamiráns e no Milladoiro dende o pasado 17 de xuño e desenvolverase ata o 11 de setembro. Nesta iniciativa están participando un total de 30 persoas que están repartidas en dous grupos de 15 persoas cada un. Hai un grupo de 15 usuarios/as en Bertamiráns e outro grupo de 15 usuarios/as no Milladoiro. Esta actividade, que está subvencionada pola Xunta de Galicia, está dirixida a persoas maiores de 18 anos. O concelleiro de Educación, Bernardo Moar, visitou ao alumnado do curso intensivo de verán. Moar animou aos alumnos e alumnas a que se esforcen na preparación da proba libre para a obtención do graduado na ESO.
A concellaría de Educación e Xuventude organizou para os meses de xuño, xullo, agosto e setembro un curso intensivo de verán co obxectivo de que as persoas maiores de 18 anos, que estean interesadas, poidan presentarse ao exame libre (convocatoria de setembro) para a obtención do graduado en Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), que se realizará o vindeiro 12 de setembro.
O curso intensivo de verán comezou o pasado 17 de xuño e desenvolverase ata o 11 de setembro. Hai dous grupos de 15 persoas cada un: un en Bertamiráns e outro no Milladoiro. En Bertamiráns, as clases impártense no Pazo da Peregrina, os luns e mércores, de 9:00 a 12:00 horas, mentres que no Milladoiro as clases realízanse na Casa da Cultura, os martes e xoves, no mesmo horario, de 9:00 a 12:00 horas.
Nestas clases impártense tres ámbitos: comunicación (galego, castelán, terceiro idioma), sociedade e científico-tecnolóxico. A través destas clases os participantes están preparando o exame libre da convocatoria de setembro, para a obtención do graduado en Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), que se realizará o 12 de setembro.
Programa de redución do abandono escolar
Este curso enmárcase dentro do programa de redución do abandono escolar nos concellos de Galicia para este ano 2013. Este programa está subvencionado pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Durante o curso 2012-2013 o Concello de Ames xa desenvolveu dous servizos a través do programa de redución do abandono escolar. Un deles foi o servizo de reforzo educativo dirixido aos rapaces e as rapazas de Ames. Por outra banda, desenvolveuse o servizo da Escola Municipal de Adultos.