Pestanas principais

Un total de 30 amienses visitaron a Cidade da Cultura

Luns, 29 de outubro de 2012

[29-10-2012] A Concellaría de Cultura organizou o sábado pasado, 27 de outubro, unha excursión á Cidade da Cultura de Galicia na que participaron 30 veciños e veciñas de Ames. A franxa de idades dos participantes foi moi ampla xa que participaron nesta excursión dende nenos/as ata adultos. A veciñanza amiense puido coñecer o complexo arquitectónico e as exposicións que están abertas ao público neste momento: Gallaecia Pétrea e a mostra que expón os Códices de cinco dioceses galegas xunto co orixinal do Códice Calixtino. A visita estivo dirixida por unha guía que acompañou aos participantes no percorrido pola Cidade da Cultura. A concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, tamén participou nesta excursión e gozou dunha xornada moi instrutiva e lúdica.

A excursión comezou arredor das 10:00 h cando o autobús que levaba á veciñanza amiense saíu de Bertamiráns. Antes de dirixirse á Cidade da Cultura o autobús pasou polo Milladoiro para recoller as persoas inscritas que residen preto desta localidade. Unha vez se chegou ao destino, a excursión comezou cunha visita ao complexo arquitectónico do Gaias. Os participantes recibiron unha explicación sobre o estilo arquitectónico que seguiu Peter Eisenman para construír este complexo. Os visitantes viron as maquetas dos edificios que xa están construídos coma de aqueles que aínda se van a construír.

Deste xeito, a veciñanza amiense coñeceu que no seu proxecto, o arquitecto Eisenman recrea un xacemento arqueolóxico dividido por cortes naturais que evocan o motivo da vieira, símbolo tradicional de Compostela. A cuncha xorde dunha superficie que presenta simultaneamente condicións lisas e estriadas. Tamén visitaron as Torres de John Hedjuk, a Biblioteca e o Arquivo de Galicia. A continuación, entraron no Museo onde contemplaron a exposición Galicia Pétrea e a mostra Códices, na que se reúnen os códices de cinco dioceses galegas e o orixinal do Códice Calixtino. Estas exposicións espertaron o interese de todos os amienses.

Antes de finalizar a excursión, os participantes tiveron tempo libre para subir aos tellados dos edificios e facer varias fotos. Os nenos e nenas que participaron nesta iniciativa quedaron encantados subindo aos tellados dos edificios. A visita rematou arredor das 14:00 h. co regreso a Ames.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Un total de 30 amienses visitaron a Cidade da Cultura"