[10-07-2012] Este luns dou comezou o campamento urbano de verán que está desenvolvendo o Concello de Ames, a través da Concellería de Medio Ambiente, na Aula da Natureza. Neste campamento están participando un total de 27 nenos e nenas de entre 6 e 13 anos. Durante as xornadas do campamento urbano, os nenos e nenas aprenderán a elaborar xabróns, papel reciclado, e técnicas de supervivencia na natureza. Iniciaranse na química, farán teares e aprenderán sobre herbas medicinais, ente outras actividades. Estas actividades desenvolveranse entre o 9 e o 20 de xullo, en horario de 16:00 a 20:00 horas. Para facilitar a asistencia dos rapaces, o Concello habilitou un servizo de autobús que traslada os participantes ata a Aula da Natureza e que os leva de volta ao remataren as actividades.

A Concellaría de Medio Ambiente deseñou un campamento pensado para as tardes de parte do mes de xullo, chamado Tardes ao Natural. Trátase dunha iniciativa pioneira no municipio que espertou o interese de moitos rapaces e rapazas do concello. Este campamento urbano comezou onte pola tarde cun total de 27 participantes de entre 6 e 13 anos. As actividades desenvolveranse na Aula da Natureza entre os días 9 e 20 de xullo, en horario de 16:00 a 20:00 horas.
Na xornada inaugural os rapaces e rapazas participaron en diferentes xogos de presentación e nunha xincana con diferentes probas. Primeiro, tiveron que presentarse ante os que van a ser os seus compañeiros estas dúas semanas de campamento. Para iso, os 27 nenos/as foron repartidos en dous grupos segundo a idade dos participantes. Un grupo estivo formado polos rapaces de 6 a 9 anos e outro cos rapaces de 10 a 13 anos. Todos os nenos tiveron que coller cos ollos tapados varias penzas de roupa e perrucas dunha maleta. Estas pezas tiveron que poñelas e presentarse ante os seus compañeiros, contar as súas afeccións, etc.
Gran concurso final do campamento
Había dúas maletas diferentes. Unha para cada un dos grupos. Cada peza de roupa tiña outra asociada outra na outra maleta. Deste xeito, os rapaces e rapazas que puxeron as pezas que estaban asociadas quedaron emparellados como padriño/madriña e afillado/a. Durante todos os días que se desenvolva o campamento urbano os padriños/madriñas e afillados/as disporán dun anaco de tempo para falar e coñecerse co fin de participar no “gran concurso final do campamento”. Este concurso consistirá en ir facendo diferentes preguntas a cada membro da parella (padriño/madriña e afillado/a) para saber cal das parellas se coñece mellor. A parella de rapaces que se coñeza mellor gañará este concurso.
Tralos xogos de presentación, os nenos e nenas saíron ao exterior da Aula da Natureza para establecer as normas que rexerán o desenvolvemento do campamento. As normas establecéronse entre todos os rapaces e monitores/as. Os rapaces irán escribindo as normas en diferentes follas de papel que despois colgarán nunha árbore. A última actividade da xornada inaugural foi a xincana. Os rapaces tiveron que buscar varias pistas que estaban agochadas. A través de cada unha das pistas os nenos/as tiñan que realizar unha actividade diferente con cada un dos monitores/as. Deste xeito tiveron que poñer a roupa que levaban ao revés, participar en varios xogos con auga, aprender unha canción, etc. Tamén houbo tempo para merendar a media tarde. Os últimos dez minutos de cada un dos días dedicaranse a recoller todo o material empregado nas actividades.
Para facilitar a asistencia dos rapaces e darlles maior comodidade aos pais e nais, o Concello habilitou un servizo de autobús que traslada aos participantes ata a Aula da Natureza e que os leva de volta ao remataren as actividades.
Outras actividades
Durante as xornadas do campamento urbano, os nenos e nenas poderán realizar multitude de actividades. Por exemplo, aprenderán a elaborar xabróns, papel reciclado, e técnicas de supervivencia na natureza. Iniciaranse na química, farán teares e aprenderán sobre herbas medicinais. Ademais, levarán a cabo actividades relacionadas coa elaboración de candeas. Adquirirán coñecementos sobre a fauna e flora do río, as cunchas, a astronomía, a horticultura... Para favorecer o contacto dos rapaces co aire libre, tamén se desenvolverán xogos populares, xincanas e grandes xogos. O campamento urbano rematará cunha festa para os e as participantes.
Para ampliar calquera outra información, as persoas interesadas poden empregar os correos electrónicos auladanatureza@concellodeames.org ou medioambiente@concellodeames.org ou os teléfonos 660 004 665 e 662 377 544.






