Pestanas principais

Un total de 260 usuarios/as participaron nos cursos que organizou a Aula CeMIT de Ames ao longo de 2012

Xoves, 10 de xaneiro de 2013

[10-01-2013] Rematado o ano 2012 toca facer balance das actividades que se realizaron ao longo do pasado ano na Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT do Concello Ames. A continuidade da Rede CeMIT durante o ano 2013 está garantida despois de que se renovase o protocolo de adhesión. Durante o ano 2012 desenvolvéronse un total de 63 actividades nas que participaron 260 usuarios/as. Ademais, déronse de alta 484 usuarios neste centro.

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT do Concello Ames, configúrase como un instrumento fundamental para promover a alfabetización dixital da veciñanza amiense. A Rede CeMIT ten como obxectivo potenciar actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información.

Ao longo de 2012 dende a Aula CeMIT do Concello de Ames realizáronse un total de 63 actividades formativas (61 cursos e 2 charlas) nos que participaron 260 usuarios/as. Deste xeito, impartíronse preto de 1.000 horas de actividades formativas. Os cursos que se impartiron divídense segundo a tipoloxía. Atendendo a esta clasificación temos cursos de alfabetización dixital nos que se inclúen actividades de formación dixital básica (iniciación á informática); actividades de formación para desempregados para buscar emprego a través da rede ou para elaborar un currículum; actividades sobre a administración electrónica (DNI electrónico ou trámites electrónicos); actividades sobre as redes sociais (comunicación en tempo real, uso das redes sociais, creación de blogs ou uso das redes sociais); actividades sobre operacións a través da internet (compras seguras na internet ou operacións cos bancos a través da rede), actividades de ocio na internet (descargar música ou organización de viaxes); actividades sobre os equipamentos TIC (cámara dixital); e actividades sobre ofimática e software libre (elaboración de presentacións, procesador de textos ou follas de cálculo). En total realizáronse 34 cursos de alfabetización dixital nos que participaron 120 usuarios/as. Nesta formación investíronse 612 horas.

Por outra banda, desenvolvéronse cursos multimedia e audiovisual sobre a produción audiovisual, a televisión na internet, deseño gráfico, streaming de audio e video, creación de contidos multimedia e web 2.0, retoque fotográfico e community manager. En total realizáronse 7 cursos multimedia e audiovisual nos que participaron 42 usuarios/as. Nesta formación investíronse 187 horas.

Tamén hai que destacar que durante o ano pasado se produciron 484 altas de usuarios/as (111 sen coñecementos de informática, 161 con coñecementos básicos, 178 con coñecementos a nivel usuario e 34 cun nivel técnico avanzado).

Cursos de xaneiro de 2013
A programación formativa que ofrece a Aula CeMIT do Concello de Ames continúa durante o mes de xaneiro de 2013. Está previsto que se organicen catro cursos. No primeiro obradoiro, os usuarios/as aprenderán a empregar un procesador de textos; no segundo curso coñecerán as posibilidades que ofrecen os programas de bases de datos, mentres que no terceiro e cuarto dos obradoiros programados para xaneiro farase unha aproximación aos blogs e ao emprego das redes sociais.

Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre estas actividades, as persoas interesadas poden dirixirse á Aula CeMIT de Ames, a través da web https://aulascemit.xunta.es/inscripcion. Tamén poden facelo enviando ao correo electrónico cemit.ames@xunta.es a seguinte información: nome e apelidos, DNI, data de nacemento e teléfono de contacto.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Un total de 260 usuarios participaron nos cursos que organizou a Aula CeMIT de Ames"