Pestanas principais

Un total de 26 mozos e mozas do IES de Ames participaron nun obradoiro de orientación laboral e emprego

Venres, 30 de setembro de 2011

[30-09-2011] A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) organizou un obradoiro de orientación laboral e emprego que se enmarca dentro do programa de Xornadas e Obradoiros de Xuventude nos Concellos, dirixido a todos os municipios de Galicia, e que está promovido pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Os obxectivos deste programa son facilitar información e formación sobre os recursos da Xunta de Galicia, en materia de xuventude. Nos próximos meses está previsto que se organice un segundo obradoiro. Neste caso será o programa de xuventude en acción: intercambio e iniciativas xuvenís.


Xornadas e Obradoiros de Xuventude

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado puxo en marcha o programa de Xornadas e Obradoiros de Xuventude nos Concellos, dirixidos a todos os municipios de Galicia. Os obxectivos deste programa son os de facilitar información e formación sobre os recursos da Xunta de Galicia, en materia de xuventude. Deste xeito, a través dunha xornada os asistentes puideron coñecer os recursos dispoñibles para a mocidade, en especial en materia de mobilidade, emprego e programas dirixidos a este sector da poboación.

Dentro deste programa, ao Concello de Ames concedéronselle dous obradoiros. O de orientación laboral e o programa de xuventude en acción: intercambio e iniciativas xuvenís, que terá lugar nos vindeiros meses. Neste curso ofreceráselle ao alumnado amiense diferentes técnicas e instrumentos para fomentar a política de cooperación entre a mocidade. O programa ten como obxectivo principal contribuír ao proceso educativo, dun xeito non formal, de todos os mozos/as, principalmente mediante actividades de intercambio.


O IES de Ames acolleu un obradoiro de orientación laboral e emprego que estivo dirixido ao alumnado de segundo curso de bacharelato. Un total de 26 alumnos e alumnas asistiron a esta acción formativa na que un dinamizador da Dirección Xeral de Xuventude impartiu unha charla para orientalos sobre as posibles saídas que reclama o mercado laboral. O alumnado de segundo de bacharelato está nunha etapa moi importante da súa vida xa que debe decidir que camiño tomar ao rematar este curso. Por iso, a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) organiza este tipo de iniciativas que teñen unha grande importancia para os rapaces e rapazas amienses. A dirección do centro de ensino mostrouse moi satisfeita pola organización deste obradoiro que se encadra dentro do programa de Xornadas e Obradoiros de Xuventude nos Concellos, dirixido a todos os municipios de Galicia, e que está promovido pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

A través desta iniciativa preténdese facilitar o acceso ao mercado laboral da mocidade galega a través da mellora das súas capacidades profesionais e proporcionar os medios necesarios para poder facer compatible o desenvolvemento profesional coas esixencias da vida persoal e familiar, poñendo a disposición da xente moza os recursos e servizos necesarios para a súa consecución.

Neste obradoiro os mozos/as tiveron unha introdución sobre as técnicas de busca de emprego. Aprenderon o que é a autoavaliación do candidato e a análise DAFO; coñeceron máis polo miúdo o mercado laboral xuvenil, os medios para atopar emprego e o programa EMPRENDE da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Dentro de apartado de ferramentas para a busca de emprego aprenderon a facer un currículum vitae e unha carta de presentación. Po último, déronselles indicacións de como afrontar unha entrevista de traballo.