[17-08-2013] O Concello de Ames, a través das concellarías de Medio Ambiente e Xuventude, ofreceu durante este verán un amplo programa de campamentos que estiveron dirixidos aos rapaces, rapazas, mozos e mozas de 3 a 16 anos. Nestes campamentos municipais, que se desenvolveron durante os meses de xuño, xullo e agosto, participaron un total de 231 rapaces e rapazas. Ademais, a este grupo de usuarios/as hai que engadirlle outro grupo de 27 nenos e nenas que participaron nos campamentos deportivos que ofreceu a Deputación da Coruña. Un total de 258 rapaces e rapazas de Ames puideron participar nos campamentos de verán que se ofertaron dentro da programación estival do Concello de Ames.
Queda pouco menos dun mes para que rematen as vacacións de verán dos rapaces e rapazas de Ames e toca facer balance dos campamentos municipais de 2013. Os campamentos municipais estiveron dirixidos a nenos e nenas de 2º ciclo de educación infantil, educación primaria e rapaces e rapazas desde 1º a 4º de ESO. Estas actividades desenvolvéronse durante a última semana do mes de xuño, o mes de xullo e os primeiros días de agosto en lugares como a granxa escola Fervenzas do Toxa (Silleda), Albergue LUG-2 (Lugo), Albergue Fundación González Ferreiro (Allariz) ou Surf Camp Caldebarcos (Carnota).
Á granxa escola Fervenzas do Toxa, situada en Silleda, asistiron uns 50 rapaces e rapazas; no campamento Albergue Lug-2 participaron 75 mozos/as; mentres que o Albergue Fundación González Ferreiro, situado en Allariz, contou con 27 usuarios/as amienses e no Surf Camp Caldebarcos de Carnota estiveron 54 mozos e mozas de entre 1º e 4º de Educación secundaria. En todos os campamentos realizáronse xogos de cooperación e divertidas veladas. Algúns dos campamentos estiveron moi ligados á auga e ao mar como foi o caso dos campamentos realizados no Albergue Lug-2 e no Surf Camp Caldebarcos. Os rapaces e rapazas puideron participar en diferentes visitas como á Lagoa de Cospeito e participar en diferentes actividades de surf, kaiak surf, snorkel, bodyboard, etc.
Ademais, durante o mes de xullo organizouse a segunda edición do campamento urbano, que, ao igual que o pasado ano, se levou a cabo no mes de xullo na Aula da Natureza. Nesta actividade participaron 25 nenos e nenas de Ames. Durante as xornadas do campamento urbano, os nenos e nenas participaron en obradoiros de repostería e cociña, actividades de horta, xogos populares e varias excursións. Estas actividades desenvolvéronse entre o día 1 e o 5 de xullo e do 8 ao 12 de xullo, en horario de 16:00 a 20:00 horas.
Campamentos deportivos
Por outra banda, o Concello de Ames a través da Deputación Provincial da Coruña ofreceulle a posibilidade aos rapaces e rapazas amienses de participar nos campamentos deportivos que organiza a institución provincial. Nestes campamentos participaron 27 nenos e nenas amienses. Nos campamentos deportivos realizáronse actividades deportivas como equitación, paseos a cabalo, paseos en kaiak, orientación, piragüismo, paseos en barco, tenis, voleipraia, fútbol 7, baloncesto, volei, batuka, capoeira e hip-hop. Ademais, os rapaces participaron nunha pernocta en tendas de campaña dunha noite. Este ano incluíse como novidade o inglés dentro do programa de actividades deste campamento.
Segundo explicou a concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, “grazas a este programa de campamentos deseñado polas concellerías de Medio Ambiente e Xuventude, os rapaces e rapazas amienses tiveron a posibilidade de pasar uns días divertidos ao tempo que fixeron novos amigos e aprenderon a respectar o medio ambiente”.