Pestanas principais

Un total de 250 alumnos/as participaron no programa municipal de prevención de drogodependencias desenvolvido durante o curso 2013-2014

Luns, 28 de xullo de 2014

[28-07-2014] Ao longo do curso 2013-2014 o Concello de Ames, a través da concellaría de Benestar Social, desenvolveu un programa de prevención de drogodependencias no CEIP A Maía, no CEIP de Barouta, no IES do Milladoiro e no colexio Alca. Deste programa beneficiáronse un total de 250 alumnos/as de 5º e 6º de primaria, así como de 2º de ESO. Este programa foi desenvolvido entre os meses de xaneiro e xuño deste ano por parte do persoal de IGAXES3 (instituto galego de xestión para o terceiro sector).

A través dos obradoiros impartidos pretendeuse previr condutas aditivas sobre o consumo de drogas, informar sobre as consecuencias do uso e abuso, aportar ferramentas útiles na aprendizaxe de habilidades sociais, favorecer a realización de actividades alternativas de lecer ou evitar o posible desenvolvemento de condutas de risco.

O programa de prevención estivo centrado na impartición de sesións informativas e obradoiros nas diferentes etapas educativas. Deste xeito, traballouse para afondar nos contidos fundamentais tratados nos obradoiros como son á autoestima, as habilidades para a negativa ante certas situacións, a toma de decisións, a resolución efectiva de conflitos e o apoio ao proceso de madurez do alumnado para favorecer a prevención das condutas de risco asociadas ao consumo de drogas.

Ademais, tratouse de formar e informar á mocidade amiense sobre os aspectos fundamentais de cara a prevención de condutas de risco, así como dos riscos sociais aos que se enfrontan as persoas que consumen e/ou trafican con este tipo de substancias, dando resposta ás dúbidas e circunstancias concretas da mocidade.

Para iso, empregáronse ferramentas dinámicas e impulsouse a participación e interacción do profesorado. A través deste programa preténdese que na transición entre as etapas escolares se traballe a prevención de drogodependencias, sempre dun xeito adaptado ao momento que a mocidade está vivindo. Por iso, cada un dos obradoiros estivo adaptado a cada etapa educativa, facendo fincapé nos temas máis importantes abordados en cada momento co fin de evitar condutas de risco.

Datos de participación
Neste programa participaron un total de 250 alumnos/as (132 rapaces e 118 rapazas) de 5º e 6º de primaria, así como de 2º de ESO do CEIP A Maía, CEIP de Barouta, IES do Milladoiro e do colexio Alca. Concretamente, do colexio Alca participaron 52 mozos/as (29 homes e 23 mulleres) de 6º de educación primaria e 2º de ESO; do CEIP da Maía participaron 130 alumnos/as (65 rapaces e 65 rapazas) de 5º e 6º de educación primaria; do CEIP de Barouta participaron 17 mozos/as (7 homes e 10 mulleres) de 6º de educación primaria, e por último, do IES do Milladoiro participaron 51 alumnos/as (31 rapaces e 20 rapazas) de 2º de ESO. Estes obradoiro desenvolvéronse entre o 13 de xaneiro e o 20 de xuño de 2014.

Para poder alcanzar os obxectivos propostos desenvolveuse unha metodoloxía de intervención baseada nas dinámicas de grupo co obxectivo de que o persoal instrutor se introducise na dinámica de funcionamento das aulas dos centros escolares de ensinanza infantil e primaria co obxectivo de favorecer a participación activa, a integración, a comunicación, o intercambio cultural, o coñecemento e o aproveitamento dos recursos da comunidade, así como a resolución efectiva de conflitos, etc.

Este programa foi levado a cabo por persoal relacionado có ámbito social, con ampla experiencia á hora de impartirlle formación dentro das aulas aos mozos e mozas en idade escolar, e con coñecementos nas materias impartidas. Este persoal realizou o seu traballo en colaboración e có apoio técnico, avaliativo, consultor e de infraestrutura de IGAXES3.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El programa amiense contra las drogodependencias formó a 250 escolares"