Pestanas principais

Un total de 235 persoas participaron nos cursos e charlas que organizou a Aula CeMIT de Ames durante o primeiro semestre de 2013

Martes, 06 de agosto de 2013

[06-08-2013] Ao longo do primeiro semestre de 2013 a Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello Ames impartiu máis de 600 horas en cursos e charlas nas que participaron un total de 235 usuarios/as. Ademais, entre os meses de xaneiro e xuño déronse de alta 130 usuarios/as (27 sen coñecementos, 34 con coñecementos básicos, 62 cun coñecemento a nivel usuario e 7 con coñecementos técnicos avanzados). Esta aula de informática pechou as súas portas por vacacións do día 5 de agosto ao 4 de setembro. A Aula CeMIT volverá abrir de novo ás súas portas a partir do día 5 de setembro. Durante o mes de setembro impartiranse catro novos obradoiros. Xa está aberto o prazo de inscrición para participar nestas actividades.

No primeiro curso de setembro os usuarios/as iniciaranse na informática e na internet. Nesta actividade aprenderase como usar dunha forma básica un equipo informático, como crear carpetas, traballar de forma básica con arquivos, como gardalos, crear un documento básico cun editor de textos e imprimilo. Na parte da internet os participantes aprenderán a navegar pola rede dunha forma básica, facer buscas de información sinxelas pola internet, pedir unha cita médica, ler a prensa, etc. Esta actividade realizarase entre os días 9 e 20 de setembro, en horario de 10:00 h a 11:30 horas. O prazo para inscribirse neste curso remata o día 6 de setembro.

O segundo curso tratará sobre o Facebook. Nesta actividade darase a coñecer o que é unha rede social, que tipos de redes sociais existen, medidas de seguridade nas redes sociais. Por outra banda, os usuarios/as coñecerán a rede social Facebook e como crear e manexar de forma básica unha conta nesta rede social. Esta actividade está dirixida a persoas que coñezan o uso básico dun ordenador e dispoñan dunha conta de correo electrónico. Ademais, deberán saber navegar pola internet. Esta actividade desenvolverase entre o día 9 e o 16 de setembro, en horario de 16:30 h a 18:00 horas. O prazo para apuntarse neste curso remata o día 6 de setembro.

No terceiro curso falarase do correo electrónico (Gmail). Os participantes coñecerán o que é o correo electrónico e como funciona, ás formas de acceder o correo electrónico, os clientes de correo, crear unha conta de correo electrónico (neste caso usarase Gmail), redactar e enviar un correo electrónico, crear e xestionar contactos, configurar as respostas automáticas, crear e xestionar firmas. Esta actividade está destinada ás persoas que coñezan o uso básico dun ordenador. Este curso impartirase do 23 ao 27 de setembro, en horario de 10:30 h a 12:00 horas. O prazo para inscribirse neste obradoiro remata o día 20 de setembro.

Presentacións con Prezi
O cuarto e último curso abordará as presentacións con Prezi. Os participantes aprenderán a crear unha presentación con esta ferramenta on-line, cambiar as tipografías, tamaños e cores, cambiar os fondos do prezi, introducir PDF, vídeos e introducir efectos ás presentacións. Esta actividade desenvolverase do 24 ao 27 de setembro, en horario de 19:00 h a 20:30 horas. Para acceder a esta actividade é imprescindible dispoñer dunha conta de correo electrónico activa e coñecer a navegación básica pola internet. O prazo para inscribirse remata o día 23 de setembro.

As persoas que estean interesadas en participar nalgún destes cursos poden inscribirse a través da páxina web https://aulascemit.xunta.es/inscripcion ou enviando un correo electrónico coa seguinte información (nome e apelidos, DNI, data de nacemento, actividade na que se quere matricular, teléfono de contacto e correo electrónico) ao enderezo cemit.ames@xunta.es. Tamén se pode realizar a inscrición a través do seguinte formulario: https://docs.google.com/forms/d/1o7_02DV6RWIpzeDZjIM8zEJlUapqcyIIwk2P6wBTNSw/viewform?pli=1