Pestanas principais

Un total de 235 nenos e nenas participan no Xuño lúdico

Luns, 25 de xuño de 2012

[25-06-2012] O Concello de Ames organiza por noveno ano consecutivo o programa de conciliación laboral e familiar, Xuño lúdico. Este programa está dirixido aos nenos e nenas empadroados no Concello de Ames e que cursaron segundo ciclo de educación infantil ou educación primaria. O servizo desenvolverase durante os días 25, 26, 27, 28 e 29 de xuño para cubrir as xornadas que restan entre o remate do curso escolar e o inicio da Escola de Verán. O programa ofrece servizo de comedor con almorzo e xantar nas dúas localidades. Durante o primeiro día tiveron lugar a recepción e a distribución dos nenos/as en varios grupos. Tras as correspondentes presentacións realizáronse varios xogos para romper a dinámica de traballo e estudo dos últimos días de clase.


O verán é unha época para pasalo ben, sobre todo para os nenos e nenas, que teñen tres meses enteiros libres. Moitos pais e nais non contan coa mesma sorte, e as súas obrigas laborais fan máis difícil conciliar o traballo co coidado dos seus fillos e fillas. Para axudar a estas familias, o Concello de Ames puxo en marcha o Xuño lúdico, unha iniciativa na que se lles ofrecen actividades lúdicas e educativas a un total de 235 rapaces e rapazas mentres os seus pais e nais traballan.

Este programa está dirixido aos nenos e nenas que este ano cursaron estudos de educación infantil ou educación primaria. Con este servizo preténdese ofrecer unha alternativa que, ademais de ocupar o tempo de lecer dun xeito divertido e educativo na época de vacacións escolares, permita ás nais e pais conciliar a vida laboral e familiar. Estas actividades desenvólvense durante os días 25, 26, 27, 28 e 29 de xuño, dende as 07:30 h. ata as 16:00 horas.

O Xuño lúdico enmárcase dentro dos programas de conciliación da vida laboral e familiar que pon en marcha o Concello de Ames ao longo de todo o ano. Os programas desenvolveranse en Bertamiráns e no Milladoiro nos locais habilitados polo Concello. En Bertamiráns, as actividades serán para todos os rapaces e durante todos os horarios no comedor do CEIP A Maía, mentres que no Milladoiro lévanse a cabo na Escola de Educación Infantil do Milladoiro e no pavillón polideportivo. En Bertamiráns participan 73 nenos e nenas e no Milladoiro acoden a este servizo un total de 162 rapaces e rapazas.

Durante estes cinco días, os cativos poderán gozar con obradoiros e xogos ao aire libre para romper coa dinámica de traballo que mantiveron durante os últimos días de curso. A temática elixida este ano para realizar obradoiros e xogos é o espazo e o mundo dos astronautas. Os nenos e nenas de 3 a 6 anos realizarán un mural temático sobre a astronomía. Ademais, confeccionarán un astronauta con maerial de refugallo e un sitema solar conn plastilina. Mentres, os rapaces e rapazas de 7 a 12 anos elaborarán unha nave espacial e un gorro de astronatuta, entre outras cousas. Aproveitando o bo tempo desta semana os nenos/as participarán en diferentes xogos con auga.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Los planes de conciliación de junio atienden a más de cuatrocientos escolares"