Pestanas principais

Un total de 226 nenas e nenos exploran as diversas formas de arte urbano no Xuño Lúdico

Mércores, 26 de xuño de 2019

Coa chegada das vacacións de verán, a Concellaría de Educación de Ames pon en marcha do 25 ao 28 deste mes o programa de conciliación Xuño Lúdico. Ao longo desta semana, os 226 nenos e nenas que participan no programa, 85 deles en Bertamiráns e 141 no Milladoiro, realizan diversas actividades centradas na arte urbana e as múltiples facetas artísticas que a engloban. Esta iniciativa ofrece un amplo abano de actividades educativas e culturais pensadas para os cativos/as de aquelas familias que precisen conciliar a súa vida familiar e laboral unha vez rematado o curso escolar.

O Xuño Lúdico 2019 ten como obxectivo que os nenos e nenas descubran as súas habilidades artísticas a través das expresións de arte na cultura urbana, ao tempo que os/as anima a que boten man das particularidades propias e culturais para plasmar todo elo en obras tanxibles. Mediante esta iniciativa buscase demostrarlle aos cativos/as que todas as persoas poden crear este tipo de arte e aportar algo á sociedade.

Con este obxectivo, os 226 rapaces e rapazas que participan nesta edición están a realizar actividades relacionadas coa elaboración de graffitis, regueifas, parkour, o baile e a música urbana. A través destes exercicios non só se persegue que os cativos e cativas deixen voar a súa imaxinación mentres se entreteñen e traballan en equipo, senón tamén se busca potenciar a súa formación educativa e emocional e promover a súa autonomía persoal.

Para elo, durante toda a semana as nenas/os contarán coa compañía do grupo artístico “Tropa de Trapo”, un grupo heteroxéneo de arte urbana composto por persoas de diferentes partes do mundo e de diferentes culturas e xéneros que comparten a paixón por este estilo artístico. Eles/as serán os encargados de descubrirlles as posibilidades da arte urbana e guialos a través das actividades propostas, así como de mostrarlles que a arte debe ser inclusiva, sen distincións de xénero, orixe ou cultura.

Asemade, a través das actividades e dinámicas relacionadas coa arte urbana, as monitoras e monitores tentan espertar a curiosidade dos cativos pola contorna que lles rodea, descubrindo ou redescubrindo artistas de arte urbana de Galicia e do mundo, a través da iniciativa “Ames, un concello que mola”. Este exercicio consiste en botar unha ollada ao noso contorno para pensar a mellor maneira para transformalo mediante o  uso de materiais de refugallo.
 
Así, as diferentes tropas deseñarán un prototipo da súa proposta artística explicándolle ás demais tropas detalles como en que consiste ou a súa localización. A través desta actividade buscase que os cativos/as vexan o mundo que os rodea como fonte de inspiración e un lenzo en branco no no que crear múltiples tendencias culturais, posto que a rúa é un escenario vivo onde se atopa todo o necesario para crear un mundo moito máis agradable.

O Xuño Lúdico convertese nunha iniciativa que lle facilita aos pais e nais conciliar a súa vida laboral coas vacacións dos seus fillos, mentres estes ocupan o seu tempo libre dunha maneira educativa e divertida. Este programa de conciliación únese así aos xa ofertados de xeito regular ao longo do ano, como son o Nadal Lúdico, o Entroido Lúdico, a Primavera Lúdica e mailo Setembro Lúdico, que se suman a outras iniciativas de conciliación como a Escola de Verán. O programa desenvolvese en horario de 7.30h a 16.00 horas, con servizo de Bos Días e comedor.

Ligazóns:

Compostela 24 horas: "Os nenos de Ames xa disfrutan dun novo Xuño Lúdico"

Xuño lúdico 2019

Multimedia

  • Xuño lúdico 2019
  • Xuño lúdico 2019
  • Xuño lúdico 2019
  • Xuño lúdico 2019
  • Xuño lúdico 2019