Pestanas principais

Un total de 212 nenos e nenas amesás recibiron os seus agasallos de Nadal grazas á campaña “Zocos e Trasnos”

Martes, 07 de xaneiro de 2020

Un total de 212 zoquiños e zoquiñas recibiron o seu agasallo de Nadal grazas á campaña “Zocos e Trasnos” do Concello de Ames. En total, máis de 200 agasallos foron doados polos trasnos, que colaboraron coas súas maxestades reais para que ningún neno/a quedase sen regalo debaixo da árbore na mañá de Reis.

A campaña, que se desenvolveu por cuarto ano consecutivo, foi organizada pola Oficina de Voluntariado do Concello de Ames, dependente da Concellería de Benestar Social. O seu obxectivo era que ningún neno/a de Ames quedase sen agasallo nestas festas, gracias á colaboración dos trasnos. Estes últimos, foron persoas voluntarias que achegaron un agasallo de Reis a cadanseu zoquiño/a.

A Oficina de Voluntariado (OVA) foi a encargada de recoller as cartas de todos os zocos aos Reis Magos (nenos e nenas derivados polo departamento de Benestar Social municipal). Estas, foron enviadas por correo electrónico, whatsapp ou en man a cada un dos trasnos, a través dun código de identificación preservando o anonimato de todas as crianzas.

Posteriormente, cada trasno escolleu algo solicitado polo seu zoco/a na carta, non superando os trinta euros, envolveuno, púxolle o código de identificación, e o fixo chegar a un dos Puntos Trasno. Recadados todos os agasallos, foron entregados ás familias para que todos os zoquiños e zoquiñas puideran desfrutar do seu agasallo debaixo da árbore na pasada mañá de Reis.

Ademais este ano, a maiores do agasallo que os nenos e nenas solicitaron nas súas cartas, tamén recibiron un libro de lectura adaptado á súa idade. Moitos trasnos acercáronse ás Bibliotecas Municipais para mercar un libro a algún zoquiño/a.

Desta maneira, dar unha mención especial á toda a xente de a pé que colaborou poñendo o seu gran de area na campaña, tanto comprando un agasallo coma un libro. Asemade, agradecer a colaboración de cada un dos recunchos trasno que foron os encargados de recibir os máis de 200 agasallos. Tanto aos recunchos de Bertamiráms (Casa da Cultura, O Zapateiro, Clínica dental Rueiro, Academia Aberta, Mimate Bertamiráns, Patagonia Bertamiráns, Escola Infantil Merlín, Librería Lenda e Piscina Municipal A Telleira) como os do Milladoiro (Casa da Cultura, Biblioteca Municipal, Centro Arume, Patagonia Milladoiro e TNT Tattoo).

Cómpre engadir a solidariedade do persoal da empresa Tecalis, que doou nun 95% a súa cesta de Nadal/regalo de empresa, e que colaborou tanto economicamente coma fisicamente nesta campaña solidaria.

 

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Si miras bien no hay elfos, pero sí zocos y trasnos"

Compostela 24 horas: "Os trasnos de Ames deixaron agasallos para máis de 200 nenos"

El Correo Gallego: "Douscentos regalos para a rapazada amesá coa Oficina do Voluntariado "

Zocos e Trasnos

Multimedia

  • Zocos e Trasnos
  • Zocos e Trasnos
  • Zocos e Trasnos