Pestanas principais

Un total de 2.058 nenos e nenas de Ames volveron esta mañá ao colexio

Mércores, 12 de setembro de 2012

[12-09-2012] Un total de 2.058 nenos e nenas do concello de Ames deron comezo esta mañá a un novo curso escolar. Os catro colexios do concello, a EEI do Milladoiro e as escolas unitarias abriron as súas portas con total normalidade. O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, desprazáronse ata o CEIP Agro do Muíño para coñecer de primeira man como se iniciaba o curso. Esta mañá tamén comezou a funcionar a pleno rendemento a Rede Municipal de Comedores Escolares, na que hai 1.074 alumnos e alumnas matriculados.

Os rapaces e rapazas chegaron con ilusión e nervios ás portas dos colexios. Numerosos pais e nais acudiron cos seus fillos e fillas aos colexios para guialos no seu primeiro día de curso e, para moitos e moitas, o seu inicio na escola. Para garantir a seguridade de todos e todas as amienses, a Policía Local estableceu un dispositivo especial que funcionou correctamente, evitando a aglomeración de vehículos diante dos centros de ensino. Debido a súa gran afluencia, no CEIP A Maía estableceuse un aparcamento alternativo na explanada que está diante do pavillón municipal de Bertamiráns.

O alcalde de Ames e o concelleiro de Educación comprobaron de primeira man que todo funcionaba con normalidade. No CEIP Agro do Muíño, estiveron co director do centro, Ramón Pérez, mentres que os rapaces e rapazas se organizaban en grupos e se despedían dos pais e nais para acceder ao centro educativo. Sen ningún tipo de incidente, a xornada de hoxe transcorreu con normalidade.

No CEIP Agro do Muíño os nenos e nenas reuníronse no patio do centro escolar, onde os profesores e profesoras os axudaron a reuníronse en función dos cursos escolares. En total, o centro educativo conta cun total de 420 matriculados para o curso escolar 2012-2013, nove máis que no ano anterior.

As aulas do CEIP A Maía acolleron esta mañá a 647 alumnos e alumnas que comezaron o curso, o que supón once máis que no curso anterior. Á mesma hora, en Barouta eran 186 nenos e nenas os que daban inicio ás clases, contabilizándose tres máis que no curso 2011-2012. No CEIP de Ventín matriculáronse un total de 466 alumnos e alumnas, seis máis que un ano antes.

Por outra banda, a EEI do Milladoiro  comezou o curso cun total de 305 alumnos e alumnas, a mesma cifra que o ano anterior. O curso tamén deu comezo nas demais escolas unitarias. A de Covas recibiu a 9 nenos e nenas, a de Tarroeira acolleu na mañá de hoxe a 7 cativos/as, e tamén 9 nenos/as comezaron hoxe o curso na escola de Guimaráns. Por último, na escola de San Lourenzo, na parroquia de Agrón, hai 9 alumnos e alumnas matriculados.

Comedores e servizos complementarios
En total, en Ames, 1.074 rapaces e rapazas empregarán o servizo de comedores, 246 farán uso do Bos Días Cole e 123 están matriculados no servizo de Tardes Divertidas.

Esta mañá comezou a funcionar a pleno rendemento a Rede Municipal de Comedores Escolares. O alumnado comezará a acudir aos comedores escolares de xeito progresivo entre o día de hoxe e o mes de outubro. Por centros, no CEIP A Maía empregarán este servizo un total de 303 alumnos e alumnas; en Agro do Muíño serán 219; en Barouta, 46, e en Ventín, un total de 300 nenos e nenas. Ademais, na EEI do Milladoiro usarán este servizo 206 rapaces e rapazas. Do total de nenos e nenas matriculados nos servizos complementarios, o 91% son usuarios de comedor.