Pestanas principais

Un total de 201 nenos e nenas participan no Setembro Lúdico

Martes, 04 de setembro de 2012

[04-09-2012] O programa Setembro Lúdico, organizado polo Concello de Ames para ocupar o tempo de lecer que teñen os nenos e nenas dende o remate da Escola de Verán e o comezo do curso escolar, conta este ano cun total de 201 rapaces e rapazas inscritos. Deste total, 119 participantes acoden ao servizo que se presta no Milladoiro, mentres que a Bertamiráns acoden 83 participantes. Este programa de conciliación, dirixido aos nenos e nenas de Ames escolarizados no segundo ciclo de educación infantil e en educación primaria, desenvolverase os días 3, 4, 5, 6, 7, 10 e 11 de setembro. As actividades e obradoiros xiran arredor dunha temática única que ten por lema Viaxamos ao mundo mariño.


Un ano máis, o Concello de Ames oferta unha alternativa para o tempo de lecer dos nenos e nenas amienses ademais dunha boa oportunidade para conciliar a vida laboral e familiar a través do Setembro Lúdico. Tras o remate da Escola de Verán e antes do comezo do novo curso escolar, que terá lugar o vindeiro 12 de setembro, este luns pasado, 3 de setembro, comezaron as actividades do Setembro Lúdico que se estenderán ata o día 11 deste mes.

O Setembro Lúdico desenvólvese tanto en Bertamiráns como no Milladoiro. Nesta edición participan un total de 201 nenos e nenas. En Bertamiráns, utilizaranse as instalacións do CEIP A Maía para realizar xogos e obradoiros nos que participan 82 rapaces e rapazas. No Milladoiro asisten 119 nenos e nenas e os lugares escollidos son o pavillón polideportivo, a Casa da Cultura e a Escola Infantil desta localidade. As actividades desenvolveranse das 9:00 h. ás 14:30 horas da mañá. Aínda así, o programa esténdese desde as 7:30 h. ata as 16:00 horas, para aqueles nenos e nenas que utilicen o servizo de comedor.

Unha viaxe a través da historia

As actividades que se desenvolverán en Bertamiráns e no Milladoiro xiran arredor dunha temática única que ten por lema Viaxamos ao mundo mariño. Durante os meses de xullo e agosto, momento no que se desenvolveu a Escola de verán, os nenos e nenas realizaron diversas actividades e obradoiros que tiveron como temática: Unha viaxe a través da historia. Agora, os rapaces e rapazas seguirán viaxando pero, esta vez, a través do mundo mariño.

Deste xeito, os usuarios/as do Setembro Lúdico participarán en diversos obradoiros de pintura nos que elaborarán varios animais mariños como quenllas, polbos, baleas, etc. Este debuxos empregaranos na confección dun mural que servirá para decorar as instalacións onde se desenvolve o Setembro Lúdico. Ademais, os nenos e nenas elaboraron un pisa papeis con forma de centola e recibirán a visita dun pirata que lle explicará as distintas partes que forman un barco, que previamente construirán eles mesmos. Tamén construirán un submarino xigante con material de refugallo.

Facer compatible a vida familiar coa laboral é só un dos obxectivos deste programa que vai máis aló. Tamén se pretende integrar todos os nenos e nenas dentro do seu grupo de iguais, fomentar as habilidades sociais e achegar os cativos e cativas á importancia da chegada do cole. O Setembro Lúdico, unha edición máis, consistirá en sete días de diversión, aprendizaxe e novas amizades.