[25-11-2013] A aula de informática do Milladoiro continúa organizando cursos durante o último trimestre do ano. Durante este mes organizou un obradoiro de mecanografía, que estivo dirixido ás persoas maiores de 18 anos. Esta actividade desenvolveuse os días 18, 19, 20, 21 e 25 de novembro. O curso realizouse en dúas quendas, unha de mañá que se desenvolveu en horario de 10:00 a 11:00 horas, e outra de tarde que se impartiu en horario de 19:00 a 20:00 horas. Durante o mes de decembro impartirase o obradoiro "Un conto de Nadal", que está dirixido aos nenos/as de 8 a 11 anos. Todos os rapaces e rapazas que desexen participar neste obradoiro deben darse présa porque xa quedan poucas prazas libres.
Os cursos da Aula de informática do Milladoiro seguen espertando unha gran demanda entre a veciñanza amiense. Durante o mes de novembro cubríronse todas as prazas ofertadas para o curso de mecanografía. Un total de 20 persoas (10 en quenda de mañá e outras 10 en quenda de tarde) iniciáronse na mecanografía. Este obradoiro desenvolveuse entre o 18 e o 25 de novembro. Este curso, que estivo dirixido ás persoas maiores de 18 anos, foi totalmente gratuíto e tivo unha duración de 5 horas.
Neste curso empregouse un programa informático de mecanografía que estivo composto de varias leccións. A través destas leccións os participantes aprenderon a adoptar unha posición correcta dos dedos no teclado. Ademais, fíxose fincapé na importancia de ter unha boa postura corporal. Colocar as costas rectas, os brazos pegados ao corpo e os cóbados en ángulo recto. Os dedos deben estar relaxados e as pulsacións deben ser suaves e precisas.
Recoméndase non mirar o teclado e non preocuparse ao principio da velocidade da escritura, intentar concentrarse para saber sempre a tecla e o dedo que se está empregando para non cometer erros e dedicar un tempo diario á realización dos exercicios. Aínda que nunha semana non se aprende a mecanografar correctamente, adquírense uns hábitos que serven, se segue practicando, para mecanografar correctamente no futuro. Unha vez completadas todas as unidades do curso os participantes intentaron transcribir un texto empregando un procesador de textos.
Obradoiro "Un conto de Nadal"
En decembro, impartirase un obradoiro gratuíto de actividades de Nadal dirixidas aos nenos e nenas de Ames. Esta actividade, que terá lugar os días 10, 11, 12, 17 e 18 de decembro, está destinada a rapaces e rapazas de 8 a 11 anos que estean interesados/as en aprender a manexar un programa de elaboración de diapositivas. O curso impartirase en horario de 18:00 a 19:00 horas e conta con 10 prazas dispoñibles. Todos os rapazas e rapazas que desexen participar neste obradoiro deben darse présa porque xa quedan poucas prazas libres.
Para optar a unha das prazas é imprescindible estar empadroado no Concello de Ames. Así mesmo, as prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Terán prioridade as persoas que non realizaron esas mesmas actividades en trimestres anteriores. Para inscribirte nestes cursos ou resolver calquera outra dúbida ou pregunta, poden comunicarse a través do teléfono 981 535 940 ou vía correo electrónico escribindo a informatica.milladoiro@concellodeames.org.
Novo horario de Aula Aberta
Cómpre lembrar que o Concello de Ames decidiu establecer un novo horario de apertura do servizo de Aula Aberta, que se ofrece na aula de informática do Milladoiro, co obxectivo de ampliar o acceso a este servizo de toda a veciñanza amiense. Deste xeito, abrirá catro días a semana en horario de tarde e un día pola mañá. Os veciños e veciñas que non poidan acudir en horario de tarde terán a posibilidade de facelo o venres pola mañá. O novo horario para o curso 2013-2014 será de luns a xoves, de 16:00 h a 20:00 horas, e os venres de 9:30 h a 13:30 horas.





