Pestanas principais

Un total de 20 nenos/as participaron nos cursos de mecanografía organizados pola Aula de informática do Milladoiro

Mércores, 16 de xullo de 2014

[16-07-2014] A aula de informática do Milladoiro continúa en xullo coa súa programación de cursos. Durante este mes organizou un obradoiro de mecanografía que estivo dirixido aos nenos e nenas de 12 a 15 anos. Ademais, no mes de xuño impartiuse outro curso de mecanografía para nenos/as de 9 a 11 anos. En total, nestes dous obradoiros participaron 20 rapaces e rapazas divididos en dous grupos de 10 nenos/as cada un. A pasada semana, entre o 7 e o 11 de xullo, impartiuse o último curso de mecanografía. A aula de informática do Milladoiro seguira ofrecendo o servizo de Aula Aberta ata o 8 de agosto. Dende o 11 de agosto ata o 10 de setembro estará pechada por descanso do persoal que atende este servizo municipal.

Os cursos da Aula de informática do Milladoiro seguen espertando unha gran demanda entre a veciñanza amiense. Durante os meses de xuño e xullo organizou un curso de mecanografía cada mes. Deste xeito, durante o mes de xuño impartiuse un curso de mecanografía os días 2, 3, 5, 9 e 10, en horario de 16:15 h a 17:15 horas, mentres que o segundo curso realizouse do 7 ao 11 de xullo, en horario de 11:00 h a 12:00 horas. Estes cursos tiveron unha duración de cinco horas e contaron con 10 usuarios/as cada un.

Nestes cursos emprégase un programa informático de mecanografía que está composto de 17 leccións. A través destas leccións os rapaces e rapazas aprenden a adoptar unha posición correcta dos dedos no teclado. Ademais, faise fincapé na importancia de ter unha boa postura corporal. Colocar as costas rectas, os brazos pegados ao corpo e os cóbados en ángulo recto. Os dedos deben estar relaxados e as pulsacións deben ser suaves e precisas.

Recoméndase non mirar o teclado e non preocuparse ao principio da velocidade da escritura, intentar concentrarse para saber sempre a tecla e o dedo que se está empregando para non cometer erros e dedicar un tempo diario á realización dos exercicios. Aínda que nunha semana os nenos/as non aprenden a mecanografar correctamente, adquiren uns hábitos que lles serven, se seguen practicando, para mecanografar correctamente no futuro. Unha vez completadas todas as unidades do curso os nenos/as intentaron transcribir un texto empregando un procesador de textos.

A aula de informática do Milladoiro seguira ofrecendo o servizo de Aula Aberta ata o 8 de agosto. Dende o 11 de agosto ata o 10 de setembro estará pechada por descanso do persoal que atende este servizo municipal. No mes de setembro publicarase o programa de cursos e actividades que organizará a Aula de informática do Milladoiro durante o último trimestre deste ano.

Servizo de Aula Aberta
Durante os meses de xullo e agosto o servizo de Aula Aberta ofrecerase en horario de 10:00 h a 13:00 horas. Para poder empregar o servizo de Aula Aberta só hai que cubrir unha ficha cos datos persoais e entregar unha fotografía coa que facer o seu carné de usuario/a. A persoa encargada da aula dálles un número de usuario/a e explícalles as normas.

Deste xeito, os usuarios/as poden empregar os ordenadores da aula para o que precisen, como consultar o correo electrónico, ler o xornal, xogar ou buscar información. Ante calquera dúbida poden preguntar o que desexen á persoa responsable. Tamén poden acudir usuarios/as cos seus ordenadores portátiles persoais a resolver as dúbidas que teñan no manexo da informática.