Pestanas principais

Un total de 20 mulleres desempregadas participaron no proxecto HERA

Luns, 21 de xullo de 2014

[21-07-2014] O Concello de Ames, a través das concellarías de Benestar Social e Promoción Económica e Traballo, desenvolveron durante os meses de marzo, abril, maio e xuño o proxecto HERA, un programa que pretendeu mellorar a empregabilidade das mulleres amienses con especiais dificultades de inserción. Neste proxecto participaron 20 mulleres de Ames cun perfil moi determinado, que recibiron máis de 200 horas de formación en competencias claves e nun itinerario de comercio e hostalería. O 100% das alumnas que se presentaron aos exames en competencias claves aprobaron. Trala formación teórica, 12 alumnas completaron un total de 80 horas de prácticas en diferentes empresas de Ames e de Santiago de Compostela. Unha das alumnas que participaron nas prácticas conseguiu un posto de traballo, mentres que outras alumnas xa foron chamadas para participar en varias entrevistas de traballo.

No contexto económico e de emprego que está vivindo a sociedade actual, e que afecta de maneira especial á muller, dende o Centro de Información á Muller do Concello de Ames deuse un paso máis poñendo en marcha un programa de inserción laboral e social, en igualdade de oportunidades, a través de programas formativos de mellora da empregabilidade das mulleres. Tratouse dun proxecto innovador dentro dos Servizos Sociais do Concello de Ames, a través do cal se pretendeu incrementar os niveis de empregabilidade e facilitar a inserción laboral das mulleres con especiais dificultades de inserción social.

Deste xeito, púxose en marcha o proxecto HERA no que participaron 20 mulleres, que asistiron a cursos de formación sobre aquelas profesións máis demandadas polo mercado de traballo, nos que non existe formación regulada. Primeiro, as 20 alumnas participaron nunhas xornadas de orientación laboral que se desenvolveron durante a primeira semana do curso. A continuación, comezaron cun itinerario de competencias claves. As alumnas recibiron formación en materias como lingua galega, matemáticas e lingua castelá.

Unha vez rematada a formación en competencias claves, que tivo unha duración de 80 horas, realizaron un curso de manipulador de alimentos de 4 horas. O 100% das alumnas que se presentaron aos exames en competencias claves aprobaron. De seguido comezaron co itinerario de comercio e hostalería, no que recibiron 76 horas de formación. Tamén tiveron que participar en cursos de informática e de outplacement - coaching para a recolocación, que tivo 16 horas de duración.

Trala formación teórica, 12 alumnas completaron un total de 80 horas de prácticas, repartidas en 10 días, en diferentes empresas de Ames e de Santiago de Compostela, relacionadas cos sectores dos itinerarios que realizaron. Unha das alumnas que participaron nas prácticas conseguiu un posto de traballo, mentres que outras alumnas xa foron chamadas para participar en varias entrevistas de traballo. Este proxecto, que estivo sufragado conxuntamente entre o Concello de Ames e a Deputación da Coruña, desenvolveuse durante os meses de marzo, abril, maio e xuño no Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames, situado na urbanización de Aldea Nova.

A concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, destacou que “atendendo á situación de desequilibrio existente na que se atopa a muller dentro do mercado de traballo, consideramos primordial traballar na diminución da taxa de desemprego e aumentando a taxa de empregabilidade das mulleres con especiais dificultades de inserción social. Para iso, organizamos este curso no cal se formaron 20 mulleres de Ames. Este programa non só foi útil para que unha alumna atopase traballo, senón que tamén lles servirá para dispor de novas posibilidades de emprego de cara ao futuro”.

Potenciación da empregabilidade
Por outra banda, houbo sesións de orientación individualizadas durante todo o curso. A titora encargada de impartir estas sesións analizou as necesidades especificas de cada muller potenciando a súa empregabilidade e dotándoas de recursos, habilidades e destrezas co fin de alcanzar a incorporación efectiva ao mercado de traballo.

Os principais obxectivos do proxecto HERA foron mellorar os niveis de formación e cualificación, promocionando a reciclaxe profesional das usuarias; dinamizar a promoción do autoemprego; e personalizar a orientación cara as necesidades formativas e inserción laboral.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Un total de 20 mulleres desempregadas participaron no proxecto HERA"