[11-12-2015] O Concello de Ames puxo en marcha unha nova edición do Concurso de Escaparates que se desenvolve durante o Nadal e que este ano cumpre o seu décimo aniversario. Nesta ocasión inscribíronse un total de 20 establecementos comerciais (13 en Bertamiráns e 7 no Milladoiro). Os escaparates están expostos dende o día 1 de decembro ata o 5 de xaneiro de 2016. Para celebrar estes dez anos o Concello establece un novo premio, a maiores dos galardóns concedidos polo xurado e o público. Este ano repartiranse un total de 3.600 euros distribuídos en nove premios diferentes.
13 establecementos de Bertamiráns e 7 do Milladoiro competirán co engalanado dos seus escaparates para obter algún dos premios que se repartirán no X Concurso de Escaparates do Concello de Ames Nadal 2015.
En Bertamiráns participan os establecementos Decoria Estudio Decoración; A Tenda de Fraber; Lápices artes plásticas e artesanía; Boas e Novas; Adriá Floristería; El Desván de Pestañas; Alice salón de belleza; Queen´s Moda; Educalia; Cocotin perruquería canina & boutique; Carmiña Floristería; The Shop regalos e decoración; e Verónica Asorey salón de estética e peiteado.
Os establecementos inscritos no Milladoiro son Cousalinda Moda e complementos; Escaravello moda de muller; Puntadas de marzo modista e mercería; Hospicán clínica veterinaria; Milvalkirias esoterismo e terapias alternativas; Arola moda e complementos; e Sigüeiro Milladoiro Carnicería.
Os escaparates están expostos dende o día 1 de decembro ata o 5 de xaneiro de 2016. Aqueles escaparates que non se atopen montados no momento da visita dalgunha das persoas que forman parte do xurado quedarán excluídos do concurso. O xurado estará composto por un/unha representante de cada unha das asociacións de comerciantes existentes no concello, designados polas mesmas. Ademais, contarase coa asistencia dun/dunha técnico especialista a designar pola Alcaldía, e unha persoa da concellaría de Promoción Económica actuará como secretario/a.
O fallo do xurado darase a coñecer o día 18 de decembro de 2015. O primeiro, segundo e terceiro establecemento clasificados recibirán, respectivamente, 1000, 700 e 400 euros. Ademais, para celebrar a décima edición deste concurso todos os establecementos inscritos participarán no sorteo dun talón de 200 euros. Deste sorteo serán excluídos aqueles establecementos que xa obtiveran algún premio. O Concello quere premiar así aos participantes desta edición dun evento que cumpre xa dez anos dinamizando o comercio amesán.
Premio especial do público
A maiores destes galardóns económicos os establecementos competirán polos Premios Especias do Público, que como novidade este ano premiarán a un establecemento do Milladoiro e outro en Bertamiráns. Para iso entregaráselle a cada comercio inscrito 150 boletos para repartir entre a súa clientela.
Para que estes boletos teñan validez a clientela deberá cubrir todos os campos dos boletos e asinar no espazo reservado para elo. No caso de que algún campo se deixe baleiro, incluída a sinatura, ese boleto será considerado como nulo. Os boletos depositaranse, debidamente cubertos, nas urnas situadas na Casa de Cultura e Casa do Concello, en Bertamiráns ou na Casa de Cultura e Biblioteca, no Milladoiro entre hoxe, día 11 de decembro, e o 5 de xaneiro de 2016.
Os dous locais máis votados, un en Bertamiráns e outro no Milladoiro, recibirán un talón por valor de 200 euros cada un. Os clientes e clientas que decidan votar participarán no sorteo de tres talóns valorados en 300 euros.





