[08-08-2012] Un total de 186 nenos e nenas amienses participaron nos campamentos organizados pola Concellaría de Medio Ambiente durante os meses de xuño, xullo e agosto en Negreira e Allariz. O próximo luns, 13 de agosto, outros 46 rapaces e rapazas de quinto e sexto de Primaria partirán cara o campamento que se desenvolverá en Fornelos de Montes. Esta actividade, que se celebrará ata o 18 de agosto, terá lugar na granxa-escola Kiriko.
O pasado sábado, 4 de agosto, volveron a Bertamiráns e ao Milladoiro os 44 nenos e nenas que pasaron catro días no Albergue Fundación Ramón González Ferreiro de Allariz. Os rapaces quedaron moi contentos coa experiencia e desfrutaron de diferentes actividades lúdicas e formativas. Así, durante a súa estancia en Allariz, os nenos e nenas levaron a cabo visitas culturais, actividades de hípica e piscina e xogos sobre temáticas variadas. Nunha das xornadas, puideron visitar o pobo de Allariz, coñecer a súa historia e participar nun programa da radio municipal. Ademais, realizaron obradoiros de manualidades con elementos reciclados e aprenderon xogos tradicionais.
Os campamentos de Negreira, realizados na Granxa Escola de Bergando, leváronse a cabo en catro quendas nos meses de xuño e xullo. Neles participaron un total de 142 nenos e nenas, que aprenderon a traballar en grupo coidando aos animais da granxa e recollendo hortalizas e froitas na horta. Ademais, participaron en diferentes obradoiros de repostaría e divertíronse con xogos, bailes e contos.
A vindeira semana será a quenda do campamento programado na granxa-escola Kiriko, no concello de Fornelos de Montes. Nesta actividade participarán 46 rapaces e rapazas. Durante toda a semana, poderán gozar de actividades de ciencia e natureza e de xogos deportivos e de orientación. Ademais, están previstas rutas de sendeirismo, actividades na piscina e de cooperación. Os nenos e nenas contarán con outras iniciativas como a contemplación de estrelas, ou actividades musicais ou de teatro.
Os campamentos de verán organizados polo Concello de Ames son cada ano unha das actividades máis esperadas polos cativos/as. Estas iniciativas teñen como finalidade permitir que ás nais e pais poidan conciliar por uns días a vida familiar coa laboral, mentres os seus fillos se divirten.




