Pestanas principais

Un total de 18 rapaces de Ames participaron nos campamentos deportivos que oferta a Deputación da Coruña

Luns, 23 de xullo de 2012

[23-07-2012] Un total de 18 rapaces de entre 9 e 13 anos do concello de Ames gozaron estes días das actividades programadas nos campamentos deportivos que organiza a Deputación da Coruña. No marco desta actividade, os nenos e nenas puideron realizar deportes como o golf e a vela e levaron a cabo actividades culturais e de convivencia.

Un ano máis, a Deputación da Coruña organizou para xullo, entre os días 1 e 21 deste mes, un programa de campamentos deportivos destinado a todos os nenos e nenas dos concellos da provincia. Do concello de Ames participaron un total de 18 rapaces, que se aloxaron no colexio Calvo de Sotelo da Coruña e gozaron das actividades programadas.

O campamento concentrou dous deportes preferentes: o golf e a vela. No caso do golf, houbo tres xornadas que se desenvolveron nun campo regulamentario de ata nove furados, e para a vela celebráronse dúas xornadas nas que se desenvolveron saídas ó mar para realizar actividades de navegación. O campamento tamén ofreceu actividades deportivas complementarias como o tenis, o balón volea na praia, as olimpíadas da paz, xogos cooperativos e de praia, entre outros.

Pero a oferta non só foi deportiva neste mes de xullo, senón tamén cultural, xa que os participantes puideron compaxinar deporte máis cultura. Realizáronse actividades e xogos que contiveron elementos que fomentan a comunicación, o intercambio de experiencias, a convivencia e o respecto polos demais. Tamén se realizaron visitas a centros de interese cultural na comarca e na cidade da Coruña.