[03-03-2012] O pasado mércores, 29 de febreiro, pechouse o prazo de inscrición para a Primavera Lúdica. Rematado o prazo para apuntarse o departamento de Educación contabilizou un total de 168 inscritos/as, dos cales 100 corresponden ao Milladoiro e 68 a Bertamiráns. Esta cifra é unha clara mostra do éxito que teñen os programas de conciliación da vida laboral e familiar no Concello de Ames. As listaxes provisionais de admitidos/as publicaranse o día 9 de marzo e a partir dese momento haberá dez días para presentar as reclamacións que se estimen oportunas. A Primavera Lúdica está dirixida aos nenos e nenas escolarizados no 2º ciclo de Educación Infantil e en Educación Primaria. Con este programa preténdese ofertar unha alternativa que, ademais de ocupar o tempo de lecer dun xeito divertido e educativo durante as vacacións escolares, permita ás nais e pais conciliar a vida laboral e familiar. A Primavera Lúdica desenvolverase durante os días 2, 3, 4 e 9 de abril, en horario de 7:30 h. a 16:00 horas.
As vacacións de Semana Santa xa están achegándose e a comezos do mes de abril os nenos e nenas amienses disporán de oito días de descanso e lecer. Para que as nais e pais, que teñen fillos/as en idade escolar, poidan conciliar a vida laboral e familiar o Concello de Ames oferta un programa de actividades culturais e formativas que manterán ocupados aos rapaces e rapazas durante as horas nas que as súas familias teñen que acudir a traballar.
A Primavera Lúdica, como o resto de programas lúdicos levados a cabo polo Concello nos últimos anos, busca ao mesmo tempo a diversión dos rapaces no seu tempo de vacacións e a conciliación da vida laboral e familiar dos seus pais/nais. Estas actividades realizaranse durante os días 2, 3, 4 e 9 de abril dende as 7:30 h. ata as 16:00 horas. O horario comprende os tramos Bos días, de 7:30 h. a 9:00 horas (con opción de almorzo), lúdicos, de 9:00 h. a 14:30 horas e comedor e xogo libre, de 14:30 h. a 16:00 horas.
Este programa está dirixido aos nenos e nenas escolarizados no 2º ciclo de Educación Infantil e en Educación Primaria e que estean empadroados no concello de Ames. Aínda así, poden acceder tamén a esta oferta lúdica e educativa os fillos e fillas de persoas que, estando empadroadas noutro concello, teñan os seus postos de traballo neste municipio. Esta situación ten que ser acreditada cun certificado da empresa ou institución. Aínda que sempre terán preferencia os/as empadroados/as no Concello de Ames.
Agora, unha vez rematado o prazo de inscrición, día 9 de marzo publicarase a lista provisional de admitidos/as na que se indicarán ademais os lugares nos que terán lugar as actividades e os grupos de idade nos que foron organizados os rapaces e rapazas. A partir dese momento, haberá dez días para presentar as reclamacións que se estimen oportunas. Cómpre lembrar tamén que os horarios solicitados na ficha de inscrición non poderán ser modificados unha vez rematado o prazo de inscrición. Para máis información poden poñerse en contacto co departamento de Educación chamando ao número de teléfono 981 891 476.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames incrementa un 24 % las plazas de conciliación para Semana Santa"




