Pestanas principais

Un total de 166 nenos/as están participando no Setembro Lúdico que se está desenvolvendo en Bertamiráns e no Milladoiro

Mércores, 04 de setembro de 2013

[04-09-2013] O programa Setembro Lúdico, organizado polo Concello de Ames para ocupar o tempo de lecer que teñen os nenos e nenas dende o remate da Escola de Verán e o comezo do curso escolar, conta este ano cun total de 166 rapaces e rapazas inscritos. Deste total, 102 participantes acoden ao servizo que se presta no Milladoiro, mentres que a Bertamiráns acoden 64 participantes. Este programa de conciliación, dirixido aos nenos e nenas de Ames escolarizados no segundo ciclo de educación infantil e en educación primaria, desenvolverase os días 2, 3, 4, 5, 6, 9 e 10 de setembro. As actividades e obradoiros xiran arredor dunha temática única que ten por lema “Un país de fábula”.

Un país de fábula
As actividades que se desenvolverán en Bertamiráns e no Milladoiro xiran arredor dunha temática única que ten por lema Un país de fábula”. Os rapaces e rapazas que asisten ao Setembro Lúdico escoitarán todos os días un conto e a continuación participarán nun obradoiro de debuxo onde debuxarán algo relacionado copa fábula que lles contaron os monitores/as. “A galiña dos ovos de ouro” foi a primeira fábula do Setembro Lúdico. Neste obradoiro e noutros que se realizarán estes días os usuarios/as empregarán material de refugallo.

Trala merenda hai tempo tamén para o xogo libre e en grupo. Durante a primeira xornada os rapaces e rapazas participaron en diferentes xogos de presentación para coñecerse entre eles. Aínda que moitos nenos e nenas xa se coñecen da Escola de Verán outros non participaron neste programa polo que é preciso presentarse e coñecerse para poder poder integrase nunha dinámica de xogo e traballo común.

Facer compatible a vida familiar coa laboral é só un dos obxectivos deste programa que vai máis aló. Tamén se pretende integrar todos os nenos e nenas dentro do seu grupo de iguais, fomentar as habilidades sociais e achegar os cativos á importancia da chegada do cole. O Setembro Lúdico, unha edición máis, consistirá en sete días de diversión, aprendizaxe e novas amizades.


Un ano máis, o Concello de Ames oferta unha alternativa para o tempo de lecer dos nenos e nenas amienses ademais dunha boa oportunidade para conciliar a vida laboral e familiar a través do Setembro Lúdico. Tras o remate da Escola de Verán e antes do comezo do novo curso escolar, que terá lugar o vindeiro 11 de setembro, este luns pasado, 2 de setembro, comezaron as actividades do Setembro Lúdico que se estenderán ata o día 10 deste mes.

O Setembro Lúdico desenvólvese tanto en Bertamiráns como no Milladoiro. Nesta edición participan un total de 166 nenos e nenas. En Bertamiráns, utilizaranse as instalacións do CEIP A Maía para realizar xogos e obradoiros nos que participan 64 rapaces e rapazas. No Milladoiro asisten 102 nenos e nenas e os lugares escollidos son o pavillón polideportivo, a Casa da Cultura e a Escola Infantil desta localidade. As actividades desenvolveranse das 9:00 h ás 14:30 horas da mañá. Aínda así, o programa esténdese desde as 7:30 h ata as 16:00 horas, para os 50 nenos e nenas (27 no Milladoiro e 23 en Bertamiráns) que utilizan o servizo de comedor.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Un total de 166 nenos participan no Setembro Lúdico de Ames"