Pestanas principais

Un total de 16 establecementos hostaleiros e 25 artesáns participan no programa Cultura de Bar

Venres, 01 de xuño de 2012

[01-06-2012] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, puxo en marcha o programa Cultura de Bar, que está dirixido aos establecementos hostaleiros de Bertamiráns e O Milladoiro. Un total de 16 establecementos (8 de Bertamiráns e 8 do Milladoiro) ofreceranlles aos seus clientes diferentes actividades culturais durante as fins de semana do mes de xuño. Este programa comezará o vindeiro 8 de xuño e alternará actuacións musicais, contos de tradición oral, humor, espectáculos de maxia, monólogos, etc. Os establecementos hostaleiros disporán dunha variedade de produtos (auga, infusión, café, caña/clara e viño) ao prezo dun 1 euro. Ademais, nestes establecementos repartíranse arredor de 25 postos de artesanía, que venderán produtos de téxtil, xoiería, cerámica, complementos, cristal, madeira, bixutería, etc.

A Concellaría de Promoción Económica está desenvolvendo un programa co que se pretende impulsar a dinamización da hostalería de Ames. O programa, chamado Cultura de Bar, que conta coa colaboración da asociación de artesáns de Galicia Novos Talentos e co apoio económico da Deputación da Coruña, celebrarase durante catro fins de semana do mes de xuño. Esta iniciativa comezará o día 8 de xuño. Concretamente as actividades do programa están previstas para os días 8, 9, 10, 15, 16, 17, 22 e 29 de xuño. As actuacións desenvolveranse os venres 8, 15, 22 e 29, en horario de 21:30 a 23:30 horas.

Deste xeito haberá actividades culturais durante os catro venres do mes de xuño nos 16 locais que participan nesta iniciativa. Neste programa participan 8 locais de Bertamiráns (Ferlós, New York, Ferrenquín, Meigas, Alborada, Koptel, Marcos e A Charca) e outros 8 do Milladoiro (O Pilón, Manhattan, Galway, 89, A Xunta do Medio, Premium, II Ritrovo, Babia).

O programa Cultura de Bar recolle diferentes actividades culturais como contos de tradición oral, actuacións musicais e de maxia, humor, monólogos, etc. O concello ten confirmada a participación de Loli Nogueira, cantante que participou no programa de televisión <<Tú sí que vales>>; Pepo Suevos, polifacético actor, cómico e contacontos que participa na serie <>; Víctor Grande, monologuista e cantautor satírico que participou en varios programas televisivos da TVG; Mago Romarís e Celso Sanmartín, entre outros.

Postos de artesanía

Os fins de semana do 8, 9 e 10 e do 15, 16 e 17 haberá 25 postos de artesanía distribuídos entre os 16 establecementos hostaleiros. O fin de semana do 8, 9 e 10 de xuño os postos de artesanía instalaranse nos locais de Bertamiráns, mentres que os días 15, 16 e 17 de xuño farano nos locais do Milladoiro. Os postos de artesanía venderán produtos de téxtil, xoiería, cerámica, complementos, cristal, madeira, bixutería, etc.

O horario común establecido para a instalación dos stands de artesanía e de 12:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas. A distribución das artesás e dos artesáns polos diferentes locais participantes decidirase mediante sorteo entre todos os que estean inscritos. Ademais, no marco do programa Cultura de Bar, a asociación de artesáns de Galicia Novos Talentos sorteará dúas cestas de produtos de elaboración propia entre a clientela dos stands participantes.

Tarifa plana 1€

Coa intención de facer máis atractivo o programa de Cultura de Bar os establecementos hostaleiros que participan nesta iniciativa estableceron a denominada “Tarifa plana 1€”, que consiste en que estes locais ofrecerán unha variedade de cada un dos produtos (auga, infusión, café, caña/clara e viño) ao prezo dun 1 euro. A marca da bebida servida baixo esta tarifa especial será elixida por cada establecemento e será aplicada durante todos os días que se desenvolva o programa Cultura de Bar.

Para obter máis información ou aclarar calquera dúbida pódense poñer en contacto coa Concellaría de Comercio, Promoción Económica, Traballo, Turismo e Educación, chamando ao número de teléfono 981 883 002.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Bertamiráns y Milladoiro acogen en 16 locales el programa Cultura de Bar"