[26-06-2015] A Aula da Natureza do Concello de Ames colabora cos centros de ensino para desenvolver diferentes actividades extraescolares. Grazas a este traballo un total de 150 rapaces e rapazas do CEIP A Maía puideron participar nunha andaina pola ruta de Riamontes, que alberga unha extraordinaria riqueza ambiental e cultural. Os alumnos/as estiveron acompañados dos seus profesores/as e da coordinadora da Aula da Natureza.
A ruta de Riamontes alberga unha extraordinaria riqueza ambiental e cultural. A enorme variedade de especies vexetais e animais que atopamos nas pequenas fragas do regato de Riamontes fálanos dun espazo equilibrado e diverso onde os saltos e as pequenas fervenzas salpican a contorna con pingas de auga cristalina. A ruta é circular e comeza e remata na aldea de Vilar, na parroquia de Ames. Neste lugar están instalados diversos paneis interpretativos que lle axudan ao/a camiñante a guiarse e descubrir os tesouros que se agochan neste espazo.
Aproveitando a riqueza ambiental desta ruta os alumnos e alumnas do CEIP A Maía, divididos en dous grupos de 75 rapaces e rapazas, participaron nesta actividade promovida pola concellaría de Medio Ambiente. O alumnado puido coñecer as diferentes zonas de monte autóctono que atravesa esta ruta, os diferentes tipos de fentos que se encontran neste monte, as diversas especies que habitan no regato de Riamontes, e as partes que compoñen un muíño. Os rapaces e rapazas tamén tiveron tempo para merendar e xogar antes de rematar esta actividade.

Contido relacionado

La Voz de Galicia: "El Aula da Natureza organiza una ruta por Riamontes"




