Pestanas principais

Un total de 15 nenos/as e varios pais/nais participaron no obradoiro sobre os traballos de horta en primavera

Luns, 23 de abril de 2012

[23-04-2012] A Concellaría de Medio ambiente, a través da Aula da Natureza, puxo en marcha o programa de obradoiros Chocolate na horta, dirixido a nenos/as e pais/nais. Este programa de actividades desenvolverase en catro sábados dos meses de abril, maio e xuño. O primeiro obradoiro desenvolveuse o pasado sábado, 21 de abril. Os participantes coñeceron e realizaron os traballos necesarios para preparar e fertilizar a terra. Así, o vindeiro sábado estará lista para facer a plantación de diferentes alimentos (leituga, tomate, pementos, amorodos...). A través destes obradoiros a Aula da Natureza dará a coñecer os diferentes traballos de horta que se poden desenvolver en primavera. Todos os nenos/as pais/nais que desexen asistir ao obradoiro do vindeiro sábado 28 de abril terán que chamar ao teléfono da Aula da Natureza 660 004 665, á concellaría de Medio Ambiente 662 377 544 ou enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.org. Os obradoiros desenvolveranse en horario de mañá, entre as 10:30 e as 13:30 horas. A media mañá farase un pequeno descanso para repoñer forzas cun chocolate quente.

A Aula da Natureza de Ameixenda acolleu este pasado sábado o primeiro obradoiro do programa de actividades Chocolate na horta, que se desenvolve repartido en catro sesións ao longo dos meses abril, maio e xuño. No primeiro obradoiro abordouse a Preparación e fertilización da terra. Nesta actividade, dividida en dúas partes, participaron 15 nenos/as e varios pais/nais. Primeiro realizáronse diferentes actividades no interior do edificio da Aula da Natureza.

Os participantes analizaron a terra da horta na que posteriormente ían traballar. Para iso colleron unha mostra de terra e deixárona secar. A continuación peneirárona e quedaron coa fracción máis fina para avaliar a súa calidade. Esta pequena mostra mesturárona con auga para facer unha pasta que lles indicou a fertilidade da terra. Os rapaces e rapazas comprobaron se a pasta que elaboraron era moldeable. Se a pasta é moldeable, indica que a a terra ten unha gran concentración de arxila e, polo tanto, é fértil. A proba deu un resultado moi positivo e indicou que a terra da horta da Aula da Natureza ten unha boa calidade.

Despois, a coordinadora da Aula da Natureza explicoulles a influencia que ten a lúa en todos os traballos da horta. Tendo en conta estas pautas, os participantes tiveron que mirar a lúa que temos esta semana para elixir os cultivos que se van a plantar o vindeiro sábado. Posto que para o día 28 haberá lúa crecente elixíronse cultivos aos que se lle aproveita a parte que está ao aire libre como son a cabaciña, a leituga, o tomate, os amorodos e os pementos. Tras a parte teórica, os rapaces e pais/nais saíron ao exterior para preparar a terra da horta. Os nenos/as dividíronse en varios grupos para sachar, achandar e retirar as herbas non desexadas da terra. Deste xeito, deixaron preparada a terra para o próximo sábado facer os bancais e plantar os cultivos elixidos. A media mañá os participantes fixeron un pequeno descanso para repoñer forzas cun chocolate quente.


Obradoiro sobre a sementeira

O programa de actividades Chocolate na horta continúa o próximo sábado 28 de abril. Nesta actividade explicáranselles aos participantes as nocións básicas para sementar, o importante papel dos insectos na polinización, os tipos de sementeiras e os marcos de plantación. Farase a sementeira de pequenas plantas de forma directa na terra e prepararase o sementeiro. Os participantes traballarán cunha variedade de cultivos propios da primavera diferenciándoos dos cultivos de outono. Tamén se lles explicarán os beneficios da asociación de cultivos para previr pragas e a rotación de cultivos para que a terra non sufra escaseza de nutrientes. Algúns dos cultivos que se plantarán son leituga, amorodo, pemento, cabaciña e amorodo.

Os obradoiro desenvolveranse en horario de mañá, entre as 10:30 e as 13:30 horas. Aínda que os obradoiros comezan ás 10:30 horas, as persoas que non poidan chegar a esta hora poden incorporarse máis tarde. A media mañá farase un pequeno descanso para repoñer forzas cun chocolate quente.

As persoas interesadas deberán anotarse chamando ao teléfono da Aula da Natureza 660 004 665, á concellaría de Medio Ambiente 662 377 544 ou enviando un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.org. O prazo de inscrición para o primeiro obradoiro remata o venres día 27 de abril ás 14:00 horas. A actividade será totalmente gratuíta.


Obradoiros de maio e xuño

No terceiro obradoiro, que se realizará o 12 de maio, tratará sobre o coidado e a prevención de pragas. Os participantes coñecerán diferentes preparados naturais que axudan a combater as pragas, así como a evitar que medren herbas non desexadas. Deste xeito, prepararán diversos produtos como a infusión de estruga que axuda a combater as pulgas, a cola de cabalo para curar enfermidades nas plantas por pragas ou a infusión de lavanda que actúa como repelente de insectos.

O cuarto e último obradoiro desenvolverase o 16 de xuño. Nesta actividade os usuarios/as coñecerán os distintos mecanismos que se empregan na rega e diferentes cuestións que hai que ter en conta na colleita. Primeiro falaráselles dos cultivos de secaño e de regadío para que saiban diferencialos. Tamén se lles explicará que na actualidade é moi importante optar por sistemas de rega eficaces e que aforren a maior cantidade posible de auga. Neste obradoiro vaise comprar a eficacia que teñen distintos sistemas de rega como son os aspersores, o goteo, a rega directa ou a rega por marcaxe. A segunda parte do obradoiro consistirá en realizar a colleita dos produtos que medraron na horta, para despois facer unha degustación culinaria coas froitas e hortalizas cultivadas anteriormente.