[16-08-2012] Durante o primeiro semestre de 2012 a Aula de Informática do Milladoiro desenvolveu varios cursos que estiveron dirixidos á veciñanza amiense co obxectivo de que se iniciasen ou mellorasen os seus coñecementos sobre as novas tecnoloxías. Nestes obradoiros participaron arredor de 120 usuarios/as repartidos en grupos de mañá e tarde. Ademais, durante os meses de verán a aula permaneceu aberta, en horario de 10:00 h a 13:00 horas, como Aula Aberta. Agora a Aula de Informática do Milladoiro pecha entre o 20 de agosto e o 18 de setembro, ambos os dous días incluídos, por descanso do persoal. A partir do 19 de setembro volve abrir a Aula Aberta en horario de 16:00 h a 20:00 horas. Dende xaneiro ata xullo a Aula de informática rexistrou a visita de 1.466 usuarios/as.
Despois dos meses de verán, chega a quenda de vacacións para a Aula de Informática do Milladoiro que pechará por vacacións do persoal dende o 20 de agosto ata o 18 de setembro. Ata o de agora, a aula funcionaba como Aula Aberta nun horario de 10:00 h. a 13:00 horas. Esta iniciativa consiste en deixar a aula de informática libre para todo aquel que queira usar os computadores, tanto para buscar información como para deixarse levar polo lecer da rede.
Á Aula Aberta acoden adultos e maiores que acceden á Internet para ler a prensa, mirar o correo electrónico, entrar nas redes sociais ou buscar información puntual como pode ser para a preparación dunha viaxe. Para poder empregar o servizo de Aula Aberta só hai que cubrir unha ficha cos datos persoais e entregar unha fotografía coa que facer o seu carné de usuario. A persoa encargada da aula dálles un número de usuario/a e explícalles as normas. Ante calquera dúbida poden preguntar o que desexen á persoa responsable. Tamén poden acudir usuarios cos seus ordenadores portátiles persoais a resolver as dúbidas que teñan no manexo da informática.
Entre os meses de xaneiro e xullo un total de 1.466 usuarios/as empregaron estas instalacións en horario de Aula Aberta. Divididos por meses os datos de utilización da Aula de informática do Milladoiro foron os seguintes. En xaneiro empregaron estas instalación 120 persoas, en febreiro 196, en marzo 215, en abril 226, en maio 259, en xuño 271 e en xullo 179 usuarios/as. Ademais, a Aula de Informática do Milladoiro suma xa 1.348 socios, dos cales 28 foron novas altas que se produciron ao longo do primeiro semestre deste ano.
Durante o primeiro semestre de 2012 a Aula de informática tamén acolleu unha serie de obradoiros que se programan de forma trimestral. Estes obradoiros e xornadas destínanse a sectores poboacionais establecidos por idade. Nestes obradoiros participaron arredor de 120 persoas.
As actividades e cursos que se realizaron este ano foron unhas xornadas de iniciación á internet en xaneiro, un obradoiro de elaboración de diapositivas de Entroido no mes de febreiro, un curso de iniciación a Windows e ao procesador de textos Writer en marzo, un curso de procura de emprego na rede en abril, un curso de iniciación as folla de calculo durante o mes de maio, e un obradoiro de mecanografía para nenos/as a final do mes de xuño. Ademais, entre os meses de xaneiro e xuño desenvolveuse un obradoiro de iniciación á Internet para os usuarios/as da Escola Integral de Maiores.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "A aula de informática do Milladoiro rexistra en seis meses case 1.500 alumnos"




