Pestanas principais

Un total de 139 veciños e veciñas de Ames visitaron o sábado a Ribeira Sacra

Luns, 18 de xuño de 2012

[18-06-2012] Un total de 139 veciños e veciñas do municipio de Ames puideron gozar o sábado dunha visita cultural á Ribeira Sacra, organizada pola Concellaría de Cultura. O obxectivo desta actividade foi ofrecerlle á veciñanza de Ames a posibilidade de coñecer o encanto da xeografía galega e a beleza desta zona, que se atopa ao sur da provincia de Lugo e ao norte da provincia de Ourense. Os veciños e veciñas estiveron acompañados por tres guías e por tres responsables do Concello de Ames.

Esta visita enmárcase dentro do programa Coñecendo o país. Os asistentes pasaron o sábado coñecendo a historia e o patrimonio de Monforte de Lemos e realizaron unha viaxe en catamarán polos canóns do Sil.

A excursión comezou ás 8:00 horas da mañá do sábado 16 de xuño con saída desde Bertamiráns e desde O Milladoiro. A chegada a Monforte de Lemos, con tempo libre para almorzar, realizouse ás 09:45 horas. Ás 10:30 horas, os excursionistas saíron cara o embarcadoiro de Doade para visitar os canóns do Sil. Ás 11:30 horas saíu o catamarán que levou durante unha hora aos veciños/as de Ames polos canóns do Sil. Para rematar as actividades da mañá realizouse unha visita á Adega Regina Viarium. Tras unha intensa mañá de visitas, ás 14:00 h os veciños/as fixeron un descanso de dúas horas para xantar no restaurante A Cantina.

Ás actividades da tarde comezaron ás 16:30 horas, momento no que os tres autobuses da excursión saíron cara a Monforte de Lemos. Media hora máis tarde comezou a visita guiada por esta vila, que incluíu paseos polas rúas, a visita ao Colexio do Cardeal, á Ponte Romana e Clarisas e a subida ao Parador e Torre da Homenaxe. A viaxe de volta iniciouse ás 19:00 horas, chegando a Ames ás 20:45 horas.