[07-09-2013] As piscinas municipais descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro acolleron durante os meses de xullo e agosto varios cursos de natación. Un total de 135 nenos e nenas participaron nestes cursos. En xullo houbo 65 usuarios/as, mentres que en agosto participaron 70 rapaces e rapazas. Durante a última xornada, os rapaces e rapazas que participaron nesta actividade deportiva fixeron unha pequena demostración do aprendido. Ademais, todos os nenos/as tiveron de obsequio unha camiseta como recompensa do esforzo e recordo do curso. Ao acto de clausura destes cursos asistiu a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín.
Un total de 135 rapaces e rapazas amienses acudiron as clases de natación que se impartiron durante os meses de xullo e agosto nas piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro. Ademais de gozar da auga, os rapaces e rapazas aprenden a nadar ou perfeccionar o seu estilo. Este programa estivo dedicado a ocupar o tempo de lecer dos nenos e nenas durante as vacacións do verán.
Durante o mes de xullo un total de 65 nenos e nenas participaron nestes cursos. Cubríronse 40 prazas en Bertamiráns e 25 no Milladoiro. Por outra banda, no mes de agosto a participación incrementouse ata alcanzar os 70 inscritos (39 usuarios/as apuntáronse nos cursos de Bertamiráns e 31 no Milladoiro). Dende a Concellaría de Deportes valoraron de xeito moi positivo o desenvolvemento destes cursos que contaron cun bo porcentaxe de participación.
Nestes cursos houbo diferentes horarios dependendo da idade dos participantes. Deste xeito, os maiores de 12 anos asistiron ao curso de 10:30 h a 11:15 horas. Aos rapaces de 10 a 11 anos tocoulles a segunda quenda, de 11:15 h ás 12:00 horas. De 12:00 h á 12:45 horas desenvolveuse a terceira quenda, á que asistiron os rapaces de 8 a 9 anos, e de 12:45 h a 13:30 horas foron os nenos e nenas de 6 a 7 anos. A última quenda reservouse para os máis cativos, de entre 3 e 5 anos, e levouse a cabo de 13:30 h a 14:15 horas.




