Pestanas principais

Un total de 130 nenos e nenas participan na Primavera Lúdica de 2014

Martes, 15 de abril de 2014

[15-04-2014] Un ano máis pola Semana Santa ponse en marcha o programa da Primavera Lúdica, a través do cal se fai máis doada a conciliación da vida familiar e laboral de moitos veciños e veciñas amienses. Nesta edición participan un total de 130 nenos e nenas. Os rapaces e rapazas empregan as instalacións do comedor do CEIP da Maía de Bertamiráns, mentres que no Milladoiro están na Escola de educación infantil desta localidade. A Primavera Lúdica desenvolverase durante os días 14, 15, 16 e o 21 de abril. Nestas xornadas levaranse a cabo diferentes actividades lúdicas destinadas ao entretemento e á aprendizaxe dos máis pequenos. O horario deste programa será dende as 7.30 h ás 16.00 horas.


Temática das actividades
Este ano a temática das actividades que se desenvolve na Primavera Lúdica de Bertamiráns e do Milladoiro xira arredor do proxecto “Talentos Solidarios”, que conxuga solidariedade, entusiasmo, participación e creatividade desde os nosos talentos: “Dar a un compañeiro/a o mellor que ti tes”. Os temas a traballar, de forma lúdica, parten da conciencia persoal e de grupo para despois avanzar cara a sociedade actual na que vivimos. O coñecemento integrarase co desenvolvemento de actitudes e valores como “o compartir con outros”. Isto levará aos rapaces e rapazas cara a aceptación e respecto polas ideas dos outros. O obxectivo principal é iniciar un proceso de reflexión e toma de conciencia que teña como protagonistas indiscutibles do seu propio aprendizaxe aos nenos e nenas.

A programación de actividades ao longo da mañá é igual todos os días, pero cambian as actividades e os seus contidos. Á primeira hora os rapaces e rapazas participan nunha actividade diferente todos os días. O luns participaron no “Himno da alegría”; o martes realizaron “A nosa caixa de lembranzas”; para o mércores está prevista a actividade “O agasallo especial”; e o luns 21 de abril desenvolverán a actividade “As cousas grandes non sempre son as mellores”. Á media mañá, os nenos e nenas participan nun obradoiro e en dinámicas e xogos de solidariedade e amizade. Despois, teñen xogos cooperativos e un tempo de xogo libre.

O programa da Primavera Lúdica asegúralles aos nenos/as horas de entretemento instrutivo e lúdico, mentres os pais/nais se atopan no seu posto de traballo, tentando facer máis doada nas datas das vacacións de Semana Santa a conciliación entre o coidado dos nenos/as e a vida laboral. Nesta edición da Primavera Lúdica participan un total de 130 nenos e nenas de todo o concello repartidos entre Bertamiráns e O Milladoiro. A participación na Primavera Lúdica de 2014 é practicamente a mesma que na edición anterior xa que en 2013 participaron 133 nenos/as.

Este programa está dirixido aos cativos e cativas escolarizados no segundo ciclo de educación infantil e primaria e que están empadroados no concello de Ames. En Bertamiráns están inscritos 53 nenos/as (30 que cursan estudos de educación infantil e 23 de educación primaria), mentres que no Milladoiro participan 77 rapaces e rapazas (56 que cursan estudos de educación infantil e 21 de educación primaria). A través deste servizo ofértase unha alternativa que, ademais de ocupar o tempo de lecer dun xeito divertido e educativo na época de vacacións escolares, permítelles ás nais e pais conciliar a vida laboral e familiar.

Estas actividades realízanse durante os días 14, 15, 16 e 21 de abril, en horario de 07:30 h e as 16:00 horas. En Bertamiráns, as actividades desenvólvense para todos os cativos/as e durante todos os horarios no comedor do CEIP A Maía. O mesmo sucede no Milladoiro, todos os nenos e nenas están na Escola Infantil, que está situada na Travesía do Porto.