Pestanas principais

Un total de 1.143 persoas inscribíronse na décimo terceira edición da Carreira Pedestre Popular Concello de Ames

Venres, 02 de novembro de 2012

[02-11-2012] O paseo fluvial de Bertamiráns será o escenario desta proba, que se celebrará durante a mañá do domingo 4 de novembro. Trátase dun evento xa máis que consolidado no termo municipal de Ames e que reúne cada ano a moitos atletas de toda a contorna e doutras localidades de Galicia. Nesta edición hai máis de 1.000 persoas inscritas. Concretamente, son 1.143 os nenos/as e adultos que realizaron a inscrición coa intención de participar nesta proba deportiva. Un total de 679 nenos e nenas están inscritos na carreira escolar, mentres que na proba absoluta hai inscritas 464 persoas. A saída da proba estará instalada na rúa Entrerríos e a meta será no paseo fluvial de Bertamiráns. Os adultos terán que percorrer unha distancia de 7.900 metros, mentres a distancia da carreira dos nenos/as variará segundo a categoría e a idade dos participantes.


Este domingo, 4 de novembro, a localidade de Bertamiráns acollerá a XIII Carreira Pedestre Popular Concello de Ames. Os corredores tomarán a saída ás 11:00 horas da mañá dende o contorno do paseo fluvial de Bertamiráns. Para poder participar, as persoas inscritas deberán recoller o seu dorsal ata media hora antes de que comece a proba na que participan. Os dorsais estarán depositados na secretaría da organización situada no paseo fluvial de Bertamiráns. Os participantes deberán ademais colocarse na zona de saída 10 minutos antes do comezo de cada proba.

O percorrido e a distancia da carreira varían segundo a categoría e a idade dos participantes. A carreira absoluta terá unha distancia de 7.900 metros. A saída realizarase dende a rúa Entrerríos, que se atopa próxima ao paseo fluvial de Bertamiráns. Trala saída os participantes terán que seguir pola rúa do Alcalde Lorenzo, cruzarán a ponte da Condomiña e despois collerán a man dereita cara a depuradora de Sisalde. A continuación, seguirán por unha pista forestal, ao carón do río Sar, que pasa por diante do muíño de Sisalde e chegarán ata a propia aldea de Sisalde. Dende aí irán cara a urbanización Agro do Muíño e volverán polo camiño de ida ata chegar ao paseo fluvial de Bertamiráns, onde estará instalada a meta.

A traxectoria máis longa ten 7.900 metros e será a que sigan os corredores das categorías xuvenil-júnior, promesa-sénior e dos diferentes grupos de veteranos. Os participantes das categorías infantil e cadete terán que correr nun circuíto de 2.400 metros, os alevíns de 1.200 metros, os benxamíns e prebenxamíns seguirán unha ruta de 500 metros, e os nenos e nenas encadrados na categoría pitufos só terán que correr 250 metros. As 12:00 h. tomarán a saída os nenos/as da categoría pitufo; ás 12:05 h. desenvolverase a carreira de prebenxamíns; ás 12:10 h. correrán os benxamíns; os alevíns farano ás 12:20 horas; e ás 12:30 h. realizarase a última carreira correspondente ás categorías infantil e cadete.

Dispositivo de seguridade
A Policía local establecerá un dispositivo de seguridade durante a mañá do domingo. Entre as 11:00 h e as 13:00 horas realizaranse cortes puntuais de tráfico nas rúas Entrerríos, Agrelo e Alcalde Lorenzo, que se atopan no centro urbano de Bertamiráns, e nas rúas próximas á urbanización Agro do Muíño e ao lugar de Sisalde. Ademais, encargaranse de regular o tráfico durante a carreira pedestre para que os corredores poidan completar o percorrido sen ningún tipo de problema.

O control da carreira estará a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo na Delegación de Santiago de Compostela. Aínda que a proba sexa de carácter estritamente deportivo e popular, admitiranse reclamacións, pero agárdase un espírito e un comportamento deportivo por parte de todos os participantes. As reclamacións aos resultados oficiais formularánselle ao xuíz árbitro da competición non máis tarde de 30 minutos despois da publicación dos resultados.

Recibirán trofeos os tres primeiros clasificados de cada categoría, masculinos e femininos e tamén os tres primeiros absolutos masculino e feminino. Os premios non serán acumulativos. A entrega de trofeos farase ao rematar a carreira no paseo fluvial de Bertamiráns. No caso de que chova a entrega de premios farase nos soportais da Casa do Concello.

Aos atletas que obteñan algún premio poderáselles solicitar que acrediten a súa idade coa presentación do DNI ou pasaporte. Cómpre salientar que todo corredor ou corredora que chegue á meta sen o seu dorsal ou non o leve colocado de xeito correcto na zona do peito, será automaticamente descualificado. Haberá servizo de duchas no pavillón polideportivo de Bertamiráns e ao final das probas realizarase un sorteo de varios agasallos.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Un total de 1.143 personas se inscribieron en la Carreira Popular de Ames"
El Correo Gallego: "Un total de 1.143 persoas inscribíronse na XIII Carreira Pedestre Popular Concello de Ames"