Pestanas principais

Un total de 100 nenos/as de primeiro e segundo de educación primaria do CEIP Agro do Muíño participan nun obradoiro sobre as plantas medicinais

Xoves, 26 de abril de 2012

[26-04-2012] Dous grupos de alumnos de primeiro e segundo de educación primaria do CEIP Agro do Muíño participan durante este xoves e venres nun obradoiro sobre as plantas medicinais. A actividade, impartida pola coordinadora da Aula da Natureza, contou cunha breve explicación do tema e diferentes exercicios prácticos, adaptados á idade do alumnado. Hoxe pola mañá asistiron ata a Aula da Natureza un grupo de 50 alumnos/as de primeiro de primaria do CEIP Agro do Muíño, mentres que o venres farano outros 50 alumnos/as de segundo de primaria deste mesmo colexio. O obradoiro desenvólvese entre as 10:00 h e as 13:30 horas.


Parte práctica

Trala explicación pasaron a parte práctica. En primeiro lugar o alumnado tivo que facer un exercicio nun caderno que consistiu en unir cunha frecha a planta medicinal coa súa correspondente aplicación medicinal. Deste xeito os alumnos/as aprenderon que a lavanda emprégase para curar a dor de cabeza, a cebola para a tose, a caléndula para as feridas ou as uvas para a dermatites. Os nenos/as tamén fixeron unha poción de romeu para darlle brillo ao pelo.

Pero a parte eminentemente práctica consistiu en elaborar un remedio caseiro con plantas medicinais para que puidesen levar para as súas casas. Deste xeito, fixeron un remedio de sales de baño con tomiño para curar o catarro. Primeiro, mesturaron a sal gorda con colorante e botáronlle un pouco de bicarbonato e dúas gotas de tomiño. A continuación, embolsaron o seu remedio caseiro e etiquetárono co nome de “Sales de baño de tomiño. Remedio para os catarros”.

A concellaría de Medio Ambiente, Sanidade e Cultura está promovendo unha serie de actividades dirixidas aos centros de ensino e ANPAS do concello co obxectivo de unir esforzos en materia de educación ambiental. Así, o Proxecto de Educación Ambiental do Concello de Ames márcase como obxectivo fomentar o coñecemento e a valorización do medio, así como colaborar na formación dunha conciencia crítica cos problemas ambientais.


A concellería de Medio Ambiente, Sanidade e Cultura, a través da Aula da Natureza, está desenvolvendo un programa específico de actividades que están dirixidas tanto ao alumnado dos centros de ensino amienses coma á veciñanza amiense. Durante os últimos meses realizáronse varios obradoiros dirixidos ao alumnado amiense como o obradoiro de ecosistemas, o obradoiro sobre o coñecemento dos cinco sentidos ou o obradoiro para coñecer os animais do solo.

Agora, estase desenvolvendo outro obradoiro sobre as plantas medicinais no que participan os alumnos/as de primeiro e segundo de educación primaria do CEIP Agro do Muíño. Este tipo de actividades son un gran complemento para a aprendizaxe dos escolares amienses. Durante a últimas semanas os alumnos/as deste centro de ensino participaron en diferentes actividades relacionadas con esta temática. Esta mesma semana realizaron unha plantación de plantas aromáticas e flores no contorno do CEIP Agro do Muíño.

A coordinadora da Aula da Natureza foi a encargada de guiar aos pequenos polo obradoiro. En primeiro lugar explicóuselle ao alumnado dende cando se levan empregando as plantas medicinais e o uso que se lle dá a este tipo de medicina. Esta explicación realizouse dun xeito lúdico e adaptada aos máis pequenos. Para iso falóuselles das beberaxes e fórmulas máxicas como as que empregan Asterix e Obelix. Os rapaces e rapazas tamén explicaron que tipo de remedios caseiros empregan nas súas casas os seus pais/nais e avós/avoas.