[11-12-2015] Un pavo, unha galiña e unha perdiz. Son os premios que recibirán, respectivamente, os ciclistas que cheguen no primeiro, segundo e terceiro postos na IX Carreira Ciclista do Pavo. A carreira, organizada un ano máis pola Asociación Galega de Ciclistas e coa colaboración Galega de Ciclismo celebrarase este sábado, 12 de decembro, nas inmediacións do parque do río Ameneiral, en Bertamiráns.
A carreira comezará ás 17:00 horas e poderán participar nela ciclistas de máis de quince anos que estean federados, requisito imprescindible. Os deportistas percorrerán entre 20 e 35 quilómetros, xa que o número de voltas que dean ao circuíto dependerá da climatoloxía dese día.
As inscricións realizaranse no mesmo lugar da carreira, a partir das 16:00 horas. Previamente á competición nenos, nenas e maiores poderán participar nunha xincana ciclista, para o que deberán acudir ao lugar do evento cunha bicicleta e un casco. A organización prestaralle o material a aqueles que non os poidan levar.
Esta competición busca ser, ademais dun acontecemento festivo no mes do Nadal, un evento solidario. A organización da carreira ciclista do pavo anima tanto ao público como aos participantes a acudir, ese sábado, 12 de decembro, a cita cun xoguete que será posto a disposición do Concello de Ames para a súa posterior doazón.




