[19-09-2017] O vindeiro sábado, 23 de setembro, Ames volverá acoller un novo Encontro Intercultural, neste caso, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Será a partir das 17:00 horas, cando as veciñas e veciños de Ames poderán degustar algúns dos pratos tradicionais preparados por varias familias migrantes afincadas en Ames. O Encontro tamén contará coa actuación do grupo de baile popular venezolano “Alma Llanera”.
O próximo 23 de setembro celébrase en Ames un novo Encontro Intercultural, organizado pola Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. O evento, que naceu en 2008, procura a interculturalidade entre a veciñanza de Ames mediante o intercambio de saberes e sabores , favorecendo a creación de lazos e dando a coñecer diferentes culturas a través de algo tan común como é o comer. Estes encontros nos seus comezos foron organizados nas aulas de castelán e galego impartidas polo Concello ás persoas migrantes chegadas a Ames. Tempo despois, a iniciativa pasou a ser aberta a toda a veciñanza do concello.
Este ano, participarán familias de países como Venezuela, Colombia, República Dominicana, Brasil, Guatemala, México e Marrocos, que traerán pratos tradicionais da cociña dos seus países. O evento completarase coa actuación do grupo de baile popular venezolano “Alma Llanera”.