Pestanas principais

Un milleiro de escolares de Ames participa nas charlas sobre seguridade viaria que imparte a Dirección Xeral de Tráfico

Mércores, 25 de marzo de 2015

[25-03-2015] O alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Seguridade, Ana Ruso, e o inspector da Policía Local, José Antonio Rodríguez, achegáronse onte ata o CEP de Ventín para asistir a unha charla sobre educación viaria dirixida a escolares. Esta actividade enmárcase dentro da campaña estatal de seguridade viaria que desenvolve a Dirección Xeral de Tráfico, en colaboración co Concello de Ames, e nela participarán preto dun milleiro de alumnos de Educación Infantil e Primaria dos colexios amesás.

O alcalde, Santiago Amor, agradeceulle ao persoal da Dirección Xeral de Tráfico e aos centros de ensino de Ames a súa participación neste tipo de campañas. O rexedor amesá explicoulles aos rapaces e rapazas que “sempre hai que facerlle caso ás normas de circulación que imparte a Dirección Xeral de Tráfico” e incidiu en que “cando se circula pola beirarrúa andando hai que ir da man dun adulto e cando se sobe nun vehículo o primeiro que hai que facer é poñer o cinto de seguridade”.  

Formación nos centros de ensino  
O pasado mes de febreiro a Dirección Xeral de Tráfico presentou en Ames unha campaña de seguridade viaria que se está a desenvolver no ámbito nacional. Durante o mes de marzo dúas profesionais da DXT están a impartir nos colexios de Educación Infantil e Primaria de Barouta, A Maía, Ventín, Agro do Muíño e Alca unhas charlas a través das que os alumnos reciben formación teórica e audiovisual en materia de seguridade viaria.  

Este martes, 24 de marzo, tocoulle a quenda a 275 nenos e nenas que cursan estudos de 2º, 3º, e 4º de Educación Primaria do CEP de Ventín. Previamente xa participaron nestas charlas uns 150 alumnos do CEIP Agro do Muíño; 70 nenos do CEIP de Barouta; e 355 escolares do CEIP A Maía. E mañá xoves rematará esta actividade no colexio Alca, onde se impartirá esta formación a uns 100 alumnos de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria.  

O obxectivo da actividade é tratar de reforzar os coñecementos do alumnado en materia de seguridade viaria, mostrándolles comportamentos que deben adoptar cando circulan como peóns pola beirarrúa; e os sistemas de retención que deben utilizar cando viaxan en autobús, en bicicleta ou no coche. As charlas compleméntanse cun vídeo explicativo sobre as principais normas de circulación.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La campaña amiense de seguridad vial escolar tuvo mil participantes"