[05-04-2016] As bibliotecas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro organizan este mes dúas sesións de contacontos para os amesáns e amesás máis novos. Esta actividade, organizada pola concellaría de Educación e Cultura, é gratuíta e de asistencia libre. As primeiras sesións terán lugar este mércores, 6 de abril, na biblioteca do Milladoiro, e o xoves 7, na biblioteca de Bertamiráns. Posteriormente, durante a terceira semana de abril haberá novas sesións de contacontos, o mércores 20 en Bertamiráns e o xoves 21 no Milladoiro. Estas actividades enmárcanse dentro do programa municipal de animación á lectura.
As actividades de animación á lectura que ofrecen as Bibliotecas municipais de Ames amósanlles aos rapaces e rapazas, mediante sesións de contacontos, a maxia que agochan os libros. Para un mellor funcionamento, as actividades están adaptadas ás idades dos nenos e nenas. Así, as sesións de contacontos están dirixidas especialmente aos nenos/as de entre 3 e 8 anos.
As primeiras sesións, organizadas os días 6 e 7 de abril, reúnen tres contos distintos baixo a temática "Un lío de animais". O primeiro conto narra a historia de "iRe"; os sorprendentes animais creados con obxectos imprevisibles protagonizan o segundo conto, "O zoo de Xoaquín"; mentres que a terceira historia, "A bañarse", narra o baño dun león que non é o que parece.
Nas sesións da terceira semana de abril, que se desenvolverán os días 20 e 21, a temática elixida é "Bo proveito". Neste caso os nenos e nenas escoitarán tres contos cun fío común: todas inclúen un alimento chave na evolución da narración. Un grupo de animais pregúntase "¿A qué sabe la luna?" no primeiro dos contos; mentres que no segundo a mosca Chosca recibe un invitado inesperado na merenda que celebra no seu fogar. O derradeiro conto, "La gallinita roja", conta a historia da galiña Marcelina, que un día atopa un gran de trigo na granxa na que vive e decide plantalo para poder obter pan.




