Pestanas principais

Un grupo de rapaces e rapazas gozaron dunha fin de semana de surf e obradoiros medio ambientais en Razo

Mércores, 13 de abril de 2016

[13-04-2016] O pasado domingo, 10 de abril, un grupo de 16 rapaces e rapazas regresaban a Ames despois de pasar unha fin de semana practicando o surf e realizando diversos obradoiros medio ambientais na praia de Razo, no concello de Carballo. Esta actividade foi organizada polas concellarías de Medio Ambiente e de Mocidade.


Un autobús levou ás 16 persoas participantes no programa "Vente de finde, natureza e surf na praia de Razo" ata o concello de Carballo. Alí aloxáronse na Art Surf Camp, unha escola de surf que tamén funciona algunhas veces como albergue.

Ao chegar á praia de Razo, as rapazas e rapaces tiveron unha primeira toma de contacto co lugar, percorrendo as instalacións do albergue, repartindo as habitacións e comezando a acomodarse. Un pouco máis tarde foron recoller cadanseu neopreno e táboa. As táboas foron entregadas aos rapaces e rapazas segundo a súa experiencia na práctica do surf. Despois da cea os monitores e monitoras organizaron unha velada con xogos de skate.

A primeira clase de surf comezou ás 9:30 h do sábado. Rapazas e rapaces aprenderon os principios básicos deste deporte: o xeito de remar para coller as olas, como introducirse no mar, as medidas de seguridade para que as táboas non choquen ou firan aos compañeiros e compañeiras e a forma de poñerse de pé. A continuación lanzáronse ao mar na caza das primeiras olas. Trala comida, na que repuxeron forzas, os e as participantes asistiron a un obradoiro de meteoroloxía e aplicacións web de surf, moi empregadas polas persoas amantes do surf para saber as condicións nas que se atopan as praias e as posibilidades de ir surfear.

Xa pola tarde, o grupo de rapaces e rapazas emprendeu un paseo polo sistema de dunas da ruta Razo-Baldaio, no que os acompañou un biólogo e xeólogo que realizou unha descrición e explicación da formación das dunas e da fauna e flora que as habita. O paseo rematou na lagoa de Baldaio. Despois da volta ao albergue e da cea, a velada rematou coa proxección da película "Soul Surfer".

Durante a mañá do domingo o grupo de asistentes retomou as leccións de surf. Así, as rapazas e rapaces conseguiron subir ás súas primeiras olas. Pola tarde tivo lugar un segundo obradoiro-charla sobre a contaminación mariña polo vertido de plásticos na auga. A actividade comezou coa proxección do documental "Océanos de Plástico".

Ao remate do visionado do filme os rapaces e rapazas baixaron á praia, que percorreron recollendo o lixo da area para despois clasificala. Unha vez feito isto o grupo enviou unha notificación á plataforma Marnoba, un sistema electrónico que permite advertir da cantidade e tipos de lixo que hai nunha praia para que as autoridades pertinentes ordenen a súa recolla. Despois desta actividade o grupo recolleu as habitacións e subiuse ao autobús para a volta a casa.


Contido relacionado


El Correo Gallego:"Los jóvenes amienses disfrutan de una jornada de surf y medio ambiente"