Pestanas principais

Un grupo de Negreira e outro de Ames pasan á fase final do Club de Debate

Luns, 11 de abril de 2016

[11-04-2016] O pasado venres 8 de abril o Auditorio de Negreira acolleu a fase Ames, Negreira, Teo do Club de Debate. Os dous equipos finalistas, que participarán na fase final deste torneo de debate, son o Grupo 1 do IES Xulián Magariños, de Negreira, e o grupo Os Miudiños do IES Plurilingüe de Ames. O tema dos debates foi: Galicia pode vivir do sector primario. A última fase terá lugar o 30 de abril en Pontevedra.

Á presentación acudiu a concelleira de Normalización Lingüística de Ames, Isabel Vaquero. Ás 9:45 a presidenta e os membros do xurado, Olalla Liñares, Socorro García, Antonio López, David Otero e Luz Zas deron á benvida aos rapaces e rapazas. Os primeiro catro debates tiveron lugar pola mañá e os dous últimos despois do descanso para xantar. Dende o xurado admiten que as decisións para escoller aos grupos finalistas foron complicadas, e destacan o bo nivel xeralizado de preparación. Ao comezo da mañá alumnas e alumnos "expoñían bastante nerviosas e nerviosos, pero foron collendo confianza a medida que avanzaba a xornada". As persoas compoñentes do xurado anímanos a continuar debatendo.

Ao remate da xornada déronse a coñecer as puntuacións finais. O grupo 2 do IES Xulián Magariños remataba o día con 288 puntos, o grupo Os Miudiños do IES Plurilingüe de Ames con 290 puntos, o grupo Nexos deste mesmo centro acadou 263 puntos, o Grupo 1 do IES Xulián Magariños 330 puntos- a puntuación máis alta desta fase-, o grupo do IES do Milladoiro finalizou cun total de 212 puntos e o grupo Alibabá e os nove ladróns, do IES Plurilingüe de Ames rematou con 280 puntos.

A entrega de premios realizouse ás 18:00 horas. O grupo 1 do IES Xulián Magariños recibiu un premios valorado en 500 euros e o grupo Os Miudiños outro valorado en 300 euros. Ambos coincidirán de novo o 30 de abril en Pontevedra, na fase final. Á entrega de premios asistiron o alcalde de Negreira, Jorge Tuñas, a concelleira de Educación, Mª Jesús Veiga e o concelleiro de Educación e Cultura de Ames, David Santomil.

Mª Helena Campos foi a mestra que preparou a Pedro González, Francisco Patiño, Javier Muñoz, Eduardo Gutiérrez, Victoria Huesca, Antía Fernández, Sabela Cadarso, Xián Ardións, Iria Cadavid e Mayte Arce, as alumnas e alumnos integrantes do grupo Os Miudiños. Agás Victoria Huesca, alumna de 4º de ESO, o resto de participantes cursa actualmente 1º de Bacharelato no IES Plurilingüe de Ames. Estes rapaces e rapazas elevan a dúas o número de veces que un equipo amesán consigue chegar á fase final do Club de Debate.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "El grupo amiense en la final del Club de debate"