Pestanas principais

Un grupo de Ames participa no Encontro Internacional de Alfombristas que se celebrou en Bueu

Xoves, 26 de xullo de 2018

[26-07-2018] Oito persoas pertencentes á Asociación Cultural de San Xoanciño de Pousada e a Asociación de Mulleres de Ortoño participaron no Encontro Internacional de Alfombristas, que se celebrou en Bueu entre os días 14 e 16 de xullo con motivo das Festas da Virxe do Carme. O deseño da alfombra de 7x5 metros apoiouse nun deseño de Frai Luís de Oseira. Dende esta entidade cultural están traballando para constituír a asociación “Alfombristas de Ames” co obxectivo de poder optar a axudas públicas, para poder sufragar parte dos gastos que teñen á hora de desenvolver o seu traballo.


O deseño da alfombra de 7x5 metros, realizada de forma expresa por oito persoas da Asociación Cultural de San Xoanciño de Pousada e da Asociación de Mulleres de Ortoño, para as festas do Carme de Bueu, apoiouse nun deseño de Frai Luís de Oseira. A imaxe representaba a unha muller que despedía un barco mentres desexaba que a nave fose protexida pola Virxe do Carme, namentres de fondo se podía ver un faro como símbolo do seu retorno ao porto. Se ben a elaboración foi todo un éxito, segundo palabras de María Xosé Bello, presidenta da Asociación Cultural de San Xoanciño de Pousada, a cenefa foi especialmente admirada pola xente que se acercou ata os arredores da lonxa de Bueu, onde estaba instalada a devandita alfombra.

As festas do Carme de Bueu, celebradas entre o 14 e o 16 de xullo, tamén serviron como escenario para un Encontro internacional no que, ademais do grupo amesá, tamén participaron delegacións de Gamaiore (Italia), La Orotava (Tenerife), Castropol (Asturias), Cataluña, Ponteareas, Redondela, Rianxo, Burela, Cangas, Moaña e Bueu. Para estes últimos, os integrante da Asociación Cultural de San Xoanciño de Pousada e da Asociación de Mulleres de Ortoño, tiveron unhas palabras especiais e quixeron agradecer a súa acollida, tanto á delegación como ao pobo.

María Xosé Bello, Mercedes Mariño e Pilar Menéndez visitaron Ames Radio para falar da súa experiencia en Bueu. Así, Mercedes Mariño, integrante da Asociación de Mulleres de Ortoño, explicou que un bo truco para alixeirar as dores derivadas de tantas horas de traballo é o uso de unhas xeonlleiras, así como o cambio cada certo tempo de postura.

Utilización de novas técnicas
En canto aos materiais, tanto María Xosé Bello como Pilar Menéndez incidiron na unión entre o ‘alfombrismo’ e o acto de compartir. Tanto nesta ocasión como noutras anteriores, foron bos momentos para aprender sobre novas técnicas e materiais que enriquecen a súa actividade, como por exemplo a utilización de cáscara de berberecho, a pasta de papel e as follas de magnolia picada. Algún dos cales aproveitaron para poñer a proba nesta nesta ocasión, con outros que xa viñan utilizando como serraxe tinxida e casca de arroz.

Por último, dende esta entidade cultural tamén falaron dos plans de futuro, que consisten en formar a asociación ‘Alfombristas de Ames’. Como ben explicou Pilar Menéndez, integrante da Asociación de Mulleres de Ortoño, esta inquedanza vén derivada de que xa son un grupo grande unido pola paixón polo alfombrismo, e esto axudaría a que puidesen optar a axudas e levar a súa actividade un paso máis aló, xa que ata agora os gastos son compartidos polos integrantes e o Concello.

Unha boa ocasión para admirar o traballo deste grupo de Ames será a celebración da Virxe de Lourdes o 26 de agosto, no que o grupo San Xoanciño de Pousada tamén elaborará un deseño baseado nas plantillas deseñadas por Frai Luís de Oseira.


Contido relacionado


Compostela 24 horas: "A Asociación Cultural de San Xoanciño de Pousada participa no Encontro Internacional de Alfombristas"