Pestanas principais

Un grupo de 70 alumnos/as do CEIP da Maía visitaron as hortas urbanas de Bertamiráns

Mércores, 11 de xuño de 2014

[11-06-2014] Un grupo de 70 alumnos/as, que está cursando segundo curso de educación infantil no CEIP A Maía, visitaron as horas urbanas de Bertamiráns. Esta visita enmárcase dentro do programa de actividades que realiza a Aula da Natureza do Concello de Ames en colaboración cos centros de ensino amienses. Os nenos e nenas, acompañados das súas mestras, puideron coñecer este proxecto municipal que se puxo en marcha a finais do ano 2013 e en marzo deste ano na localidade do Milladoiro.

A concellaría de Medio Ambiente, a través da Aula da Natureza, organiza todos os anos un programa de actividades en colaboración cos centros de ensino de Ames. Nesta ocasión o alumando de segundo curso de educación infantil visitou as hortas urbanas de Bertamiráns para coñecer máis polo miúdo este proxecto municipal. Os nenos e nenas están traballando nas aulas o tema das hortas e dos alimentos que se poden obter neste lugares.

Deste xeito, moitos nenos e nenas que non teñen relación co campo puideron coñecer os diferentes alimentos que se poden plantar nas hortas (cebolas, coles, tomates, pementos, ect.). Os rapaces e rapazas estiveron acompañados en todo momento polas súas mestras e tamén por dúas usuarias das hortas urbanas (unha desta usuarias é maio dun dos rapaces que participou nesta visita).

Os nenos e nenas puideron coñecer este proxecto municipal que se puxo en marcha a finais do ano 2013 e en marzo deste ano na localidade do Milladoiro. Coa posta en marcha deste proxecto pretendeuse que a veciñanza amiense adoptase unha actitude activa na ocupación do seu tempo libre e de ocio.

Segundo explica a concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, “estas hortas urbanas están sendo un éxito. En Bertamiráns houbo máis solicitudes que parcelas ofertadas polo que houbo que elaborar unha lista de agarda e no Milladoiro completáronse as 51 parcelas postas a disposición dos veciños/as”.

María Eugenia Martín incidiu en que “a través deste proxecto trátase de facilitar a intervención dos usuarios/as no desenvolvemento sostible, facilitando a relación de coexistencia xeracional entre os veciños/as, e así mesmo, unha contribución ás economías familiares que se vén favorecidas polos cultivos de autoconsumo”.