Pestanas principais

Un grupo de 61 persoas participaron na excursión poética pola ruta Rosaliana

Luns, 29 de febreiro de 2016

[29-02-2016] O sábado pasado, 27 de febreiro, un grupo de 61 persoas participaron na excursión poética pola ruta Rosaliana. Con esta actividade pechouse a programación que preparou o Concello de Ames para conmemorar o 179 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Durante a excursión visitouse a Casa da Tarroeira, as igrexas de San Xoán de Ortoño e de San Xulián de Bastavales, así como a Casa Museo de Rosalía de Castro e o cemiterio de Adina. As persoas participantes na ruta Rosaliana leron poemas da escritora galega en cada unha das paradas que se realizaron.


Os veciños e veciñas de Ames puideron coñecer máis polo miúdo a vida e obra de Rosalía de Castro a través desta iniciativa, que organizou o Concello de Ames dentro da programación específica para conmemorar o Día de Rosalía. Para iso, púxose á disposición da veciñanza amesá un autobús que saíu as 10:00 horas do Milladoiro e a continuación, ás 10:15 horas dende Bertamiráns, para recoller ás 61 persoas que se inscribiron nesta visita.

A concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, que tamén participou nesta ruta, destacou “o éxito desta actividade xa que se cubriron todas as prazas ofertadas”. A concelleira tamén salientou que “esta é unha forma moi amena e divertida de coñecer a vida e obra de Rosalía de Castro. Todos os e as participantes coñeceron máis de preto a figura de Rosalía e leron poemas da escritora galega”.

A ruta comezou na Casa da Tarroeira, situada na parroquia de Ortoño, xa que constitúe un dos principais fitos da ruta Rosaliana. Rosalía de Castro viviu nesta casa ata 1842, cando, tras cumprir 4 anos foi vivir coa súa nai para Padrón. Este lugar cobrou unha especial significación cultural cando o 12 de outubro de 1923 un conxunto de mozos universitarios visitaron a Casa da Tarroeira, para fundar o Seminario de Estudos Galegos. Neste lugar hai colocada unha placa que acredita que alí estivo o Seminario de Estudos Galegos.

A continuación, os participantes nesta excursión visitaron a igrexa de San Xoán de Ortoño, onde foron recibidos polo párroco José Luís Dorelle. Esta igrexa conserva a capela maior de finais do século XVII, aínda que sufriu varias reformas na estrutura. A fachada dispón dun frontón triangular coa imaxe de San Xoán Bautista. Como coroamento posúe unha torre cuadrangular con catro arcadas e lanterna octogonal reconstruída en 1859, data na que se realizaron obras na cúpula do cruceiro do templo, segundo indica unha inscrición. No seu interior garda unha escultura barroca de madeira do Cristo na cruz situado nun dos brazos do cruceiro.

Visita á Casa Museo de Rosalía de Castro
Tras esta visita, os participantes foron en autobús ata a igrexa de San Xulián de Bastavales onde visitarán a devandita igrexa e escoitarán as famosas campás que inspiraron un dos máis famosos poemas de Rosalía de Castro. Neste lugar tamén puideron contemplar unha fermosa vista do Val da Maía.

De seguido, visitaron á Casa Museo de Rosalía de Castro que se atopa en Padrón. Para finalizar a ruta Rosaliana, os e as participantes achegáronse ata o cemiterio de Adina, lugar onde estiveron soterrados os restos mortais de Rosalía de Castro, mentres que non se trasladaron ata o Panteón de Galegos Ilustres.


Contido relacionado


El Correo Gallego:"Sesenta ‘devotos’ de Rosalía buscaron su huella en la comarca"